Cambre acollerá esta fin de semana actividades de Samaín no Temple, Sigrás, Anceis e A Barcala, ademais dun concerto de fados en Andeiro.
O venres 30 de outubro terá lugar a Gran Marcha de Samaín do Temple. A concentración será ás 17.00 horas na Casa das Palmeiras e a saída realizarase ás 18.00 horas polo paseo do Temple. A actividade está aberta a todas as idades, contará con premios para os mellores disfraces e coa colaboración de En Bici Sen Idade.
Esta convocatoria forma parte da programación de Samaín desenvolvida durante outubro na Casa das Palmeiras, que incluíu a decoración do edificio o día 16, o inicio do intercambio de disfraces o 19 e a actividade «A lenda da Casa das Palmeiras» o 23. O intercambio de disfraces continuará ata o 2 de novembro ou ata a fin de existencias.
O sábado 31 de outubro, ás 18.30 horas, o local social de Andeiro acollerá o concerto de fados de Emanuel Soares, en homenaxe ao Conde de Ourém, Xoán Fernández de Andeiro. A actuación conta coa colaboración do Concello de Cambre e da Asociación Veciñal «A Torre» de Andeiro.
Tamén o sábado, en Anceis, o percorrido de recollida de lambetadas sairá ás 17.00 horas da praza de San Marcos. Desde as 19.00 horas, o pavillón acollerá xogos, inchables e un concurso infantil de debuxos de Samaín.
En Sigrás, a ruta de truco ou trato comezará ás 19.30 horas. A programación continuará desde as 20.30 horas no local social, cun encontro para todas as idades e un magosto popular.
O domingo 1 de novembro, pola tarde, celebrarase a terceira edición de Jargolín A Barcala, unha iniciativa organizada por un grupo de sete veciñas coa participación de familias e persoas voluntarias. A organización prevé a asistencia de preto de 400 nenos e nenas.
O percorrido contará con nove escenarios distribuídos pola urbanización e arredor de 70 persoas que interpretarán os personaxes. A proposta recupera a tradición das familias que percorrían os portais da Barcala en Halloween e incorpora decorados, xogos, música e escenas de terror preparadas pola veciñanza.
Haberá tamén música cun DJ, unha zona infantil sen sustos e un escenario sorpresa exclusivo para adultos. Ao finalizar o itinerario, os pequenos participantes recibirán bolsas con doces, aperitivos, auga e agasallos, ademais dunha chocolatada con churros.
Jargolín conta coa colaboración do Concello de Cambre, da ANPA A Curuxa do CEIP Portofaro e de distintos establecementos e entidades.