• A credencial é gratuíta e poderá recollerse e selarse no propio museo.

O Museo Arqueolóxico de Cambre forma parte do Pasaporte da Biosfera, unha iniciativa da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas que convida a visitar doce museos e centros de interpretación de nove concellos. O proxecto, que conta co apoio da área de Turismo da Deputación da Coruña, presentouse este martes, 17 de novembro, no Noa Boutique Hotel de Santa Cruz, en Oleiros.

O museo conserva os restos das termas privadas dunha vila romana do Baixo Imperio, descuberta en 1998 no centro de Cambre. Durante a visita pódense ver os vestixios da sala de baños de auga fría e das letrinas, así como fragmentos de pinturas murais con figuras de peixes, polbos e vieiras. O museo abriu ao público en novembro de 2001.

A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, destacou que a incorporación ao pasaporte coincide co 25º aniversario do museo. «É unha boa ocasión para convidar a veciñanza a achegarse ao museo e coñecer de preto o xacemento romano. Formar parte dun percorrido compartido con outros concellos das Mariñas tamén nos permite dar a coñecer a historia de Cambre a quen visita a comarca», sinalou.

Inspirado na credencial do Camiño de Santiago, o pasaporte permite conseguir en cada parada un selo deseñado polo ilustrador Luís Galán. O documento non caduca e pode recollerse nas oficinas de turismo e nos centros participantes ou descargarse na web do Pasaporte da Biosfera. 

As persoas que se rexistren na web da Reserva e reúnan selos de polo menos tres centros nun prazo máximo de seis meses entrarán no sorteo de lotes de produtos locais, Menús da Biosfera, estancias en aloxamentos e experiencias de ecoturismo. Quen reúna oito selos de centros diferentes poderá recibir, ata esgotar existencias, o Kit do Ecoturista das Mariñas Coruñesas, composto por unha botella térmica e unha mochila.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.