A publicación das bases no BOP inicia un prazo de dez días hábiles para presentar as solicitudes

As cinco formacións gañadoras actuarán os días 25 e 26 de setembro xunto a Medina Azahara, Boikot, Biznaga, Carlangas e Me Fritos and the Gimme Cheetos

O Concello de Cambre vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a convocatoria e as bases da primeira Batalla de Bandas, un novo concurso co que se seleccionarán cinco grupos locais para actuar como teloneiros na XXXIV edición do Rock in Cambre.

A publicación da convocatoria no BOP inicia un prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para que as formacións interesadas presenten as súas solicitudes.

A I Batalla de Bandas celebrarase o venres 4 e o sábado 5 de setembro no auditorio do Parque da Igrexa de Cambre. Durante as dúas xornadas, os grupos participantes ofrecerán actuacións en directo cunha duración máxima de 30 minutos por banda.

Un xurado especializado seleccionará cinco grupos gañadores e un máximo de tres formacións de reserva. O premio consistirá na participación como teloneiros no Rock in Cambre 2026, que se celebrará os días 25 e 26 de setembro. Cada unha das bandas premiadas disporá dun tempo aproximado de 45 minutos para a súa actuación no festival.

A convocatoria permitirá completar a programación dunha edición do Rock in Cambre que contará con Medina Azahara como gran cabeza de cartel. A lendaria banda andaluza ofrecerá en Cambre o seu único concerto en Galicia dentro da súa histórica xira de despedida, «Todo tiene su fin».

O cartel principal contará tamén con Boikot, Biznaga, Carlangas e Me Fritos and the Gimme Cheetos, nunha programación que combina nomes históricos da música estatal, referentes actuais da escena independente e propostas emerxentes.

A incorporación dos grupos seleccionados a través da Batalla de Bandas reforzará o compromiso do festival coa promoción do talento local e ofrecerá ás formacións da contorna a oportunidade de compartir escenario con artistas consolidados.

Poderán participar bandas ou grupos musicais, non solistas, de estilos como o pop, o rock ou a fusión. As formacións poderán ter un máximo de oito integrantes e deberán contar, como mínimo, cunha persoa empadroada no Concello de Cambre desde hai polo menos un ano.

Para determinar as bandas gañadoras valorarase principalmente a actuación en directo, tendo en conta aspectos como a calidade técnica e interpretativa, a posta en escena e a comunicación co público. O xurado valorará tamén a orixinalidade da proposta, a presenza de temas propios, o uso da lingua galega, a participación feminina e a presenza de músicos novos.

As bandas interesadas deberán presentar o formulario de inscrición nos rexistros do Concello de Cambre ou a través de calquera dos medios previstos na normativa de procedemento administrativo, acompañado da ficha artística e da documentación recollida nas bases.

Documentación

Consultar e descargar as bases, a solicitude de participación e a ficha artística da I Batalla de Bandas 2026:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/descargarPdf?page=1&fecha=20260727&numRegistro=2026/0000004895.pdf

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.