A alcaldesa, Diana Piñeiro, acompañou á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, nunha visita a dous dos negocios beneficiarios: Miúda Fisioterapia e Cor e Ardora.
A rexedora puxo en valor a forza, o talento e a determinación das mulleres emprendedoras, destacando o seu papel na dinamización económica e social do municipio.
Cambre, 20 de novembro de 2026. Un total de catro iniciativas empresariais impulsadas por mulleres en Cambre resultaron beneficiarias das axudas do programa Emega da Xunta de Galicia na convocatoria de 2026, cun investimento conxunto de 56.000 euros no municipio.
A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, acompañou esta mañá á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e á directora territorial da Consellería de Política Social, María Blanco, nunha visita a dous dos negocios beneficiarios destas achegas: o centro Miúda Fisioterapia, situado na praza de Europa, e o estudo de cerámica Cor e Ardora, na rúa Tapia, no Temple.
Durante o percorrido, as representantes institucionais coñeceron de primeira man a actividade desenvolvida polas emprendedoras, os seus proxectos empresariais e os retos aos que se enfrontan á hora de poñer en marcha un negocio propio.
En concreto, Miúda Fisioterapia recibiu unha subvención de 16.000 euros para apoiar a actividade de dúas traballadoras por conta propia, mentres que Cor e Ardora obtivo unha achega de 10.000 euros para unha traballadora autónoma. Ambas as iniciativas foron beneficiarias da liña Emerxe, destinada a impulsar novos proxectos empresariais promovidos por mulleres.
A alcaldesa destacou especialmente a forza e a capacidade emprendedora das mulleres do municipio, poñendo en valor o seu papel como motor de desenvolvemento económico e social. «Detrás de cada un destes negocios hai mulleres con ideas, con talento e, sobre todo, coa valentía de dar o paso e construír o seu propio futuro. Mulleres que toman a iniciativa, que apostan por si mesmas e que demostran cada día que o emprendemento feminino ten unha enorme forza e moito que achegar á nosa sociedade», sinalou Piñeiro.
Neste sentido, a rexedora subliñou que iniciativas como as visitadas representan tamén un exemplo de autonomía e independencia económica. «O éxito destas emprendedoras non se mide unicamente na actividade económica que xeran, senón tamén no que representan: mulleres capaces de abrirse camiño, de crear as súas propias oportunidades e de servir de referente para outras que teñen unha idea e están pensando en poñela en marcha», afirmou.
Piñeiro agradeceu tamén o apoio da Xunta de Galicia a través do programa Emega, destacando a importancia de contar con ferramentas que permitan ás mulleres desenvolver os seus proxectos en igualdade de oportunidades. «O talento e a capacidade están aí. O que debemos facer as administracións é contribuír a que ningunha muller teña que renunciar ao seu proxecto por falta de oportunidades ou de apoio. Cada nova emprendedora que decide apostar por Cambre é unha boa noticia para todo o municipio», engadiu.
A visita produciuse un día despois da celebración do Día Internacional da Muller Emprendedora, que se conmemora cada 19 de novembro co obxectivo de visibilizar o talento feminino, promover a igualdade de oportunidades e poñer de manifesto os retos aos que se enfrontan as mulleres no ámbito empresarial.
56.000 euros para o emprendemento feminino en Cambre
A convocatoria de 2026 do programa Emega contou cun orzamento de cinco millóns de euros en Galicia. No conxunto da provincia da Coruña, as axudas beneficiaron a 135 iniciativas empresariais, cun investimento superior aos 1,7 millóns de euros.
Na comarca da Coruña, incluída a cidade, resultaron beneficiarias 31 iniciativas, que recibiron un total de 447.000 euros. Delas, catro corresponden ao municipio de Cambre, cunha achega de 56.000 euros.
O programa contempla catro modalidades de apoio: Emerxe, para a creación de novas empresas e emprego feminino estable; Impulsa, para a consolidación de negocios constituídos por mulleres; Innova, dirixida a proxectos innovadores ou de base tecnolóxica; e Concilia, destinada a favorecer a conciliación persoal, familiar e laboral.
Desde o Concello de Cambre púxose en valor a importancia de seguir impulsando o emprendemento feminino como ferramenta para fortalecer o tecido empresarial, promover a igualdade de oportunidades e favorecer a autonomía económica das mulleres.