O centro de saúde de Cambre recibiu este mércores, 18 de novembro, a visita do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que destacou o papel destas instalacións na posta en marcha do novo modelo de axendas de atención primaria. Na visita participaron tamén a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde.
Cambre foi un dos primeiros centros galegos en incorporar esta nova organización, que funciona desde o pasado 5 de outubro nos seus dez cupos de medicina de familia. O proxecto busca garantir máis tempo para cada consulta e dar unha resposta ordenada ás necesidades dos pacientes, evitando unha sobrecarga permanente dos profesionais.
A alcaldesa, Diana Piñeiro, agradeceu a visita do conselleiro e a elección do centro para participar nesta experiencia. «Agradecemos á Consellería de Sanidade que conte con Cambre para poñer en marcha un proxecto que busca mellorar a atención á nosa veciñanza. Dispoñer de máis tempo na consulta e facilitar unha resposta cando se necesita son cuestións que teñen unha repercusión directa no día a día das persoas», sinalou.
Piñeiro trasladou tamén o seu recoñecemento ao persoal sanitario: «Detrás de cada consulta hai profesionais que coidan de nós e das nosas familias. O seu traballo e a súa experiencia son fundamentais para que estas melloras respondan ás necesidades reais dos pacientes».
O novo modelo establece axendas comúns cun máximo de 30 citas diarias en medicina de familia e de 25 en pediatría, reservando tamén tempo para a atención programada e outras actividades asistenciais. Incorpora, ademais, axendas específicas para atender os pacientes que precisen asistencia no mesmo día cando a axenda habitual do seu médico xa estea completa.
No caso de Cambre, esta atención adicional organízase mediante un módulo de tres horas pola mañá e outro de dúas horas pola tarde. Estas axendas son asumidas voluntariamente polos profesionais, fóra da súa xornada común e cunha planificación acordada polos equipos.
O centro de saúde atende unha poboación de 16.100 persoas e conta con dez médicos de familia, tres pediatras e once profesionais de enfermaría, ademais de matronas e persoal de traballo social, nutrición e xestión e servizos. Entre as súas prestacións figuran o seguimento de pacientes crónicos, a atención domiciliaria, a cirurxía menor, as ecografías e distintas probas diagnósticas.
Segundo a información trasladada por Sanidade, nos últimos anos reforzáronse os recursos sanitarios do municipio coa incorporación dun médico de familia máis en Cambre e outro no Temple, ademais dun profesional de nutrición e outro de farmacia. O centro de Cambre tamén recibiu novo equipamento, con dous electrocardiógrafos, un espirómetro, dous dispositivos hólter e un retinógrafo.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de reforma da Atención Primaria e Comunitaria de Galicia 2026-2030, dotado con máis de 320 millóns de euros e que prevé a creación dunhas 644 novas prazas no conxunto de Galicia.
Durante a visita, o conselleiro avanzou que está previsto completar en decembro a implantación do proxecto nos centros piloto das sete áreas sanitarias. Esta fase permitirá avaliar o funcionamento do modelo e introducir os axustes necesarios antes da súa extensión, contando coa experiencia e as achegas dos profesionais implicados.