O contrato permitirá dispoñer de sinais de circulación, espellos de tráfico e outros elementos para os traballos de instalación, reposición e mantemento nas vías municipais
O Concello de Cambre aprobou na Xunta de Goberno Local a adxudicación dun contrato de subministración de material para sinalización vertical viaria por un importe de 17.347,55 euros, IVE incluído, á empresa Señales Girod (Cinnia Tech, S. L.).
O contrato ten un prazo de execución dun ano e está destinado a proporcionar á Brigada de Obras municipal os materiais necesarios para realizar traballos de instalación, reposición e mantemento da sinalización nas rúas e camiños do municipio.
Entre os elementos previstos inclúense sinais de STOP, pasos de peóns, prohibicións de estacionamento, sinalización de advertencia e de obras, espellos de tráfico e diferentes tipos de postes, soportes e accesorios necesarios para a súa instalación.
A memoria técnica contempla, entre outros materiais, 30 espellos de tráfico, 13 sinais de STOP e diferentes elementos para sinalizar pasos de peóns, estacionamentos e zonas de obras. As cantidades establecidas teñen carácter orientativo e poderán adaptarse ás necesidades dos servizos municipais, dentro do importe máximo do contrato.
A subministración realizarase mediante entregas parciais, en función das necesidades detectadas pola Sección de Servizos e dos traballos que desenvolva a Brigada de Obras. O material será entregado nos lugares que determine o Concello dentro do termo municipal.
O procedemento partiu dun orzamento de licitación de 18.000 euros, IVE incluído. Solicitáronse ofertas a tres empresas, das cales dúas presentaron propostas económicas. A adxudicación realizouse á oferta de menor importe.
A adquisición deste material está destinada a atender as necesidades de sinalización vertical que se produzan nas vías públicas municipais e a facilitar os traballos de conservación e mantemento realizados polos servizos municipais, contribuíndo á mellora da seguridade viaria e peonil.