O pasado domingo 24 de maio conmemorouse o Día Nacional da Epilepsia.
Con motivo desta conmemoración, o Concello de Cambre iluminou de cor laranxa varios espazos e enclaves emblemáticos do municipio, sumándose así á campaña “Ilumina de Laranxa pola Epilepsia”, impulsada para dar visibilidade a esta enfermidade neurolóxica crónica e sensibilizar á poboación sobre a realidade que viven as persoas afectadas e as súas familias.
A través desta iniciativa, o Concello amosa o seu apoio ás persoas con epilepsia e contribúe a concienciar sobre un trastorno que, ademais das dificultades médicas, segue levando asociado en moitos casos un importante estigma social e situacións de rexeitamento laboral e persoal.
A epilepsia é unha enfermidade neurolóxica crónica que afecta a millóns de persoas en todo o mundo e maniféstase mediante crises recorrentes. Estas crises poden consistir en episodios breves de movementos involuntarios que afectan a unha parte do corpo ou estenderse a todo o organismo e, nalgúns casos, ir acompañadas de perda de conciencia.
Cada ano diagnostícanse en España entre 10.000 e 20.000 novos casos, o que supón que dúas persoas reciben este diagnóstico cada hora.