O Rock in Cambre (RIC) celebrará a súa edición de 2026 os días 25 e 26 de setembro, consolidando así o cambio de datas iniciado o pasado ano co obxectivo de evitar a coincidencia co crecente número de festivais que se celebran durante o verán en toda Galicia.

Con máis de trinta anos de historia, o Rock in Cambre continúa sendo unha das citas musicais máis veteranas da comarca e mantén intacta a súa esencia: entrada libre e unha programación de primeiro nivel, a pesar da crecente dificultade de competir co formato de festivais de pago.

O festival confirma como primeiro avance oficial do cartel a participación de Boikot, unha das bandas máis emblemáticas do rock estatal. A banda madrileña vén de lanzar o seu último sinxelo, La Otra Mitad, unha colaboración xunto a Kaos Urbano que se suma aos temas de adianto do seu próximo disco, No les interesa. Entre estes avances tamén destacan Toro e Los Últimos Niños, este último xunto ao violinista Ara Malikian. Cambre perfílase así como un escenario idóneo para escoitar en directo os novos temas que a banda presentará no seu vindeiro traballo discográfico.

Desde a organización sinalan que o cartel deste ano buscará combinar bandas lendarias do rock estatal con grupos capaces de conectar co público máis novo, mantendo sempre “o mesmo espírito rockeiro” que definiu ao festival desde os seus inicios. O obxectivo é construír unha programación ampla e transversal que reúna distintas xeracións arredor da música en directo.

Outra das novidades desta edición será a recuperación do formato de dous días completos de concertos, o que permitirá incrementar tamén a presenza de bandas locais. En total participarán cinco grupos da contorna, reforzando así unha das ideas fundacionais do Rock in Cambre: servir como plataforma de impulso para o talento musical local.

Nas próximas semanas iranse desvelando novas confirmacións e detalles da programación do Rock in Cambre 2026, tanto a través das canles oficiais do evento como das redes sociais e medios de comunicación colaboradores.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.