Coidar Cambre é compromiso de todos. Con respecto, responsabilidade e colaboración construímos un municipio máis limpo, agradable e mellor para vivir.
Manter limpas as rúas, coidados os espazos públicos e en bo estado as zonas comúns é unha responsabilidade compartida. Cada pequeno xesto conta e a implicación da veciñanza resulta fundamental para conservar Cambre nas mellores condicións.
Desde o Concello de Cambre facemos un chamamento ao civismo e á colaboración cidadá para realizar un uso correcto dos servizos de recollida de residuos: depositar o lixo no interior dos colectores, respectar os horarios establecidos, separar axeitadamente os residuos para favorecer a reciclaxe e evitar o abandono de enseres ou voluminosos na vía pública.
Un municipio limpo e coidado mellora a convivencia, protexe o medio ambiente e proxecta a mellor imaxe de Cambre.
Ademais, dentro das accións de sensibilización e apoio á cidadanía, o Concello informa de maneira periódica sobre servizos útiles como o punto limpo móbil, facilitando alternativas cómodas e responsables para a correcta xestión dos residuos especiais.
Pedimos tamén a colaboración veciñal para comunicar calquera incidencia relacionada coa limpeza viaria, residuos ou colectores, permitindo así actuar con maior rapidez e eficacia.
Entre todos e todas facemos un Cambre mellor para vivir.