O jazz e a música latina marcarán o ritmo da fin de semana con dúas actuacións dos Dixie Kings ft Paty Lesta e SonBoleros

14 Jun 2022

O jazz e os ritmos latinos marcarán o ritmo da fin de semana en Cambre. O Concello ten preparados dous concertos que servirán como antesala do Temple Jazz: un a cargo dos Dixie Kings ft Paty Lesta e outro do grupo SonBoleros. Baixo o nome Do jazz de Nova Orleáns ao son cubano, o obxectivo do programa “é achegar estes estilos musicais á veciñanza”, explica a concelleira de Cultura, Mónica Varela.

O sábado, 18 de xuño ás 21.00 horas, o teatro do Parque da Igrexa acollerá a actuación dos Dixie Kings feat Paty Lesta. A agrupación busca rememorar ás bandas rueiras dos anos 10 e 20. Para lograr esa viaxe no tempo, o grupo valerase da voz de Paty Lesta, que estará acompañada polo piano, o saxo, a trompeta, a tuba, a batería e o trombón.

O domingo, día 19 de xuño ás 20.00 horas, será a quenda de SonBoleros, que actuará tamén no Parque da Igrexa. Neste caso, o auditorio asolagarase co son da voz, do contrabaixo, o piano e a percusión que conforman este cuarteto. O seu repertorio componse de boleros, tangos e sones.

En caso de choiva, os espectáculos trasladaranse ao Centro Sociocultural de O Graxal. O acceso será libre e gratuíto. As persoas que necesiten máis información poderán chamar ao teléfono 649 89 12 12 (departamento de Cultura).

Tamén che pode interesar