Os alcaldes de Cambre, Oleiros e Sada e a alcaldesa de Bergondo manteñen unha reunión con Emalcsa para abordar o problema da turbidez na auga

25 Jun 2021

A reunión serviu, así mesmo, para falar da creación dun depósito de auga en San Pedro, unha infraestrutura que melloraría o servizo e axudaría a subsanar este tipo de incidencias.

Os rexedores manifestaron a súa “preocupación” e coincidiron na “necesidade de buscar a mellor das solucións e garantizar un correcto servizo para os veciños e veciñas”.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, o primeiro edil de Oleiros, Ángel García Seoane, o de Sada, Benito Portela Fernández, e a rexedora de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, mantiveron, esta mañá, unha reunión co director xeral de  Emalcsa, Jaime Castiñeira. O obxectivo deste encontro foi abordar a orixe dunha problemática que está a afectar aos catro municipios: os episodios de turbidez na auga producidos nas últimas semanas.
Os rexedores manifestaron a súa “preocupación” por estas incidencias na subministración e destacaron que estes problemas “son comúns  nestes meses”. Así mesmo, todos coincidiron na “necesidade de buscar a mellor das solucións e garantir un correcto servizo para os veciños e  veciñas”.  A este respecto, Emalcsa informou de que está a traballar na elaboración dun estudo xunto coa Universidade da Coruña para dilucidar as causas destas incidencias e poder así emendalas.
A maiores, abordouse a construción do futuro depósito de auga de San Pedro, un proxecto que os rexedores cualificaron de “imprescindible e  urxente”. Esta instalación permitiría dispoñer dunha maior capacidade de almacenamento e serviría para reducir o número de incidencias no abastecemento de auga, segundo confirmaron desde a propia compañía subministradora.
Ao remate do encontro, acordouse solicitar á Xunta de Galicia unha reunión para solicitar a colaboración do organismo autonómico na execución deste proxecto. Nesta reunión estarían representados os catro Concellos que se verían beneficiados por esta obra, así como Emalcsa.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.