A participación será gratuíta e as persoas interesadas poderán anotarse ata o 12 de agosto ás 20.00 horas en carreirasgalegas.com
A proba, incluída no XII Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña, contará con percorridos adaptados a todas as idades
O Concello de Cambre abre o prazo de inscrición para participar na XXXIII Carreira Popular, que se celebrará o sábado 15 de agosto. A convocatoria suporá a recuperación dunha das citas deportivas máis tradicionais do municipio, que non se celebraba desde agosto de 2023.
A proba está organizada polo Concello de Cambre e pola Federación Galega de Atletismo e forma parte do XII Circuíto de Carreiras da Deputación Provincial da Coruña.
As inscricións serán gratuítas para todas as categorías e deberán formalizarse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com antes das 20.00 horas do mércores 12 de agosto. Non se admitirán inscricións posteriores nin o propio día da competición.
A xornada comezará ás 9.50 horas diante da Casa do Concello coa saída das categorías sub-14, sub-16 e sub-18. Ás 10.00 horas será a quenda das categorías sub-20, sub-23, sénior e máster.
As probas das categorías inferiores celebraranse a partir das 11.20 horas, coa saída da categoría sub-12, seguida da sub-10 ás 11.30 horas e da categoría mini ás 11.40 horas.
A carreira absoluta terá un percorrido aproximado de 7.300 metros, con saída diante da Casa do Concello, baixada ata o río Mero e regreso ao punto de partida. As categorías sub-14, sub-16 e sub-18 completarán un circuíto de 3.500 metros, mentres que as categorías inferiores contarán con distancias adaptadas de entre 180 e 700 metros.
A carreira mini terá carácter participativo e non contará con clasificación.
A participación na carreira absoluta estará limitada a 800 deportistas. Entregaranse trofeos ás tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría masculina e feminina, agás na categoría mini, na que todas as persoas participantes recibirán un agasallo.
Tamén haberá premios para os corredores de maior idade que completen a proba absoluta e para os primeiros clasificados, nas categorías masculina e feminina, vinculados ao Concello de Cambre.
A recollida de dorsais realizarase no pavillón Sofía Toro o venres 14 de agosto, entre as 17.30 e as 21.30 horas, e o propio día da carreira a partir das 8.30 horas.
A cronometraxe correrá a cargo da Federación Galega de Atletismo. A proba contará tamén co apoio da Policía Local e de Protección Civil de Cambre, así como con servizos médicos, ambulancia e duchas no pavillón Sofía Toro.
A recuperación da Carreira Popular permitirá volver incorporar ao calendario municipal unha actividade orientada á promoción do deporte, á participación da veciñanza e á convivencia entre persoas de todas as idades.
