O Concello de Cambre celebrará durante a próxima fin de semana unha ampla programación cultural con motivo do Día das Letras Galegas 2026, dedicado nesta edición á escritora e xornalista Begoña Caamaño, referente da literatura galega contemporánea e da defensa da lingua, da igualdade e da identidade cultural galega.
As actividades arrancarán o sábado 16 de maio ás 12:00 horas coa celebración do tradicional concerto das Letras Galegas organizado por Sementeira de Cambre e subvencionado polo Concello na Pista do Souto, en Sigrás. No evento participarán as dúas formacións principais da entidade: a Banda de Música e o Grupo de Instrumentos Tradicionais. Baixo o título “Compañeira/o sei cantare”, a cita converterase nunha xornada de música e cultura arredor da tradición galega.
As crianzas da vila terán tamén un papel protagonista nesta cita cultural. Os centros educativos Gonzalo Torrente Ballester e Portofaro sumaranse á actuación a través dun gran coro colectivo que interpretará pezas do repertorio tradicional galego específico para a rapazada. Nel tamén estará presente o alumnado da escola Sementeira e da agrupación Aires de Sigrás, acompañados pola banda de música e polo grupo de instrumentos tradicionais.
A iniciativa conta ademais coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.
Xa o domingo 17 de maio desenvolverase o acto institucional do Día das Letras Galegas, que terá lugar ás 11:30 horas en Vila Concepción. A homenaxe a Begoña Caamaño incluirá lectura da súa obra, acompañamento musical e a proxección do documental sobre a súa vida e traxectoria elaborado pola Real Academia Galega.
O acto institucional servirá tamén para lembrar a traxectoria literaria e o compromiso cultural e social dunha das voces máis destacadas da literatura galega contemporánea. Desde o Concello animan á cidadanía a participar nesta programación especial para celebrar o orgullo da lingua, da música e da cultura galega.
