O Concello de Cambre informa de que, durante os vindeiros días, procederá ao traslado do equipamento municipal das salas de ensaio musical a novos espazos provisionais. Esta medida permitirá garantir a continuidade da actividade musical mentres se acondicionan as instalacións habituais.
Os novos locais estarán situados no Centro de Formación Ocupacional de Cambre, no Polígono do Espírito Santo (rúa Zepellín, 11, 15650 Cambre), onde grupos e solistas poderán desenvolver temporalmente os seus ensaios.
Co obxectivo de facilitar toda a información necesaria sobre o funcionamento destas instalacións, o Concello convoca unha xuntanza informativa que terá lugar o vindeiro martes 14, ás 20:00 horas, no propio Centro de Formación Ocupacional.
A asistencia a esta reunión será imprescindible para poder facer uso dos locais, xa que nela se procederá á entrega de chaves e se explicarán as normas de acceso e o protocolo de uso das salas. Ademais, as persoas asistentes poderán resolver todas as dúbidas relacionadas co funcionamento destes espazos.
A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, destacou que “esta medida permite dar continuidade á actividade musical no municipio, garantindo espazos axeitados mentres se acondicionan as salas habituais”.
O Concello anima a todos os grupos e solistas a asistir á xuntanza para coñecer de primeira man todos os detalles e garantir un correcto uso das novas instalacións.
