O Rock in Cambre achégase ao seu trinta aniversario reforzando a súa aposta polas bandas locais

9 Ago 2022

Trinta anos non se cumpren todos os días, moito menos se se trata dun festival de rock and roll, aberto e gratuíto. O Rock in Cambre vivirá, esta semana, este fito histórico. O festival rockeiro de referencia da comarca chega á súa terceira década de vida, mantendo, iso si, a esencia das súas orixes, e dándolle un gran protagonismo aos grupos locais. Precisamente, as bandas que actuarán no festival, acompañaron, esta mañá, ao alcalde, Óscar García Patiño, ao concelleiro de Cultura, Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, e á edil de Benestar Social, Lúa Sanguiñedo, durante a presentación oficial do evento. García Patiño agradeceu a presenza de todos eles e sinalou que os grupos de Cambre “son o pasado, o presente e o futuro deste festival”.

Na presentación oficial do cartel estiveron presentes varios representantes das agrupacións que compartirán escenario con algúns dos referentes do xénero a nivel galego, español e mesmo internacional: Another Wasted Year, Leria, Stonewolf e Sen City Devils. No acto estiveron presentes, ademais, membros de Hemacaos e Inadaptados, os grupos que propuxeron ao Concello a creación dun evento que lles dese ás bandas locais a oportunidade de tocar ante os seus familiares e amigos no ano 1992.

O Rock in Cambre terá lugar o venres, 12 de agosto, e o sábado, día 13. Os horarios aproximados dos concertos quedarían da seguinte forma:

Venres, 12 agosto:

19:10 horas – Leria

20:20 horas – Another Wasted Year

21:20 horas – Inadaptados

22:30 horas – Los Zigarros

00:05 horas – The Peawees

01:30 horas – Dakidarría

Sábado, 13 agosto:

19:10 horas- Stonewolf

20:10 horas- Sen City Devils

21:10 horas – Hemacaos

22:20 horas – Agoraphobia

23:45 horas – Burning

01:20 horas – Miguel Costas

02:55 horas – Zënzar

Durante a súa intervención, o rexedor celebrou a volta do festival tras dous anos de parón pola emerxencia sanitaria, e explicou que este regreso “chegará con varias novidades”. Entre elas, García Patiño destacou que, por primeira vez na historia, “contaremos con mochilas vibratorias cedidas polo Concello de Nigrán e que permitirán ás persoas con discapacidade auditiva desfrutar dos concertos”. O alcalde incidiu en que se trata dunha iniciativa “pioneira” coa que apostamos por un Rock in Cambre “máis inclusivo e aberto a toda a cidadanía”.

Actividades complementarias

Pola súa banda, Daniel Mallo apuntou que, ademais dos propios concertos, “continuamos apostando pola organización doutras actividades complementarias coas que seguiremos traballando para achegar á música á veciñanza de todas as idades”. O calendario incluirá, desta forma, as seguintes propostas:

  • Masterclass de batería: mércores, 10 de agosto de 17.00 a 18.00 horas e de 18.30 a 19.30 horas, nos locais de ensaio do Concello.
  • Vive o Rock a mogollón (linguaxe musical): xoves, 11 de agosto de 17.00 a 18.00 horas, no centro sociocultural do Graxal.
  • Construción dun instrumento: venres, 12 de agosto de 17.30 a 18.30 horas, en Vila Concepción.
  • Rock miúdo (danza): sábado, 13 de agosto de 18.00 a 19.00 horas, no local da 3ª idade de Cambre.

Ademais das propostas para os nenos e nenas, haberá outras dúas actividades: o debate Nosoutras queremos ser ró, para analizar a presenza da muller no sector musical, en xeral, e no rock, en particular, e un taller de customización de camisetas dirixido aos pequenos e pequenas.

Por unha banda, o debate será o xoves, 11 de agosto, ás 19.30 horas no centro sociocultural da Barcala. Estará moderado pola experta en igualdade, Cristina Bajo Enríquez e, no mesmo, intervirán as seguintes mulleres referentes dentro do sector: a cantante e empresaria, Iria Mejuto Buceta, a técnica de son e baterista, Helena Barreiro del Río e a técnica de son e de escenario, Julia Huertas Torrón.

Polo outro, en colaboración coa Asociación de Veciños A Unión de Brexo-Lema, o Concello organizará un taller de customización de camisetas que impartirá Rocío Mañá Bouzón. A actividade está dirixida a nenos e nenas a partir dos 10 anos e, con ela, búscase que poidan preparar os seus mellores galas para o inicio do propio festival. Ao longo da iniciativa practicaranse técnicas como o estampado. O taller terá lugar o xoves, día 11, de 18.00 a 19.30 horas na aula de costura da urbanización A Barcala. As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas deberán reservar a súa chamando ao teléfono 981 65 62 17.

Punto lila

O Concello contará, un ano, máis cun Punto Lila. Isto é, cun lugar de información, acompañamento, sensibilización e asesoramento sobre as agresións sexistas. Trátase dunha iniciativa que o concelleiro de Cultura, Deportes e Xuventude cualificou como “indispensable para garantir que o evento se desenvolva coa máxima seguridade para todos os asistentes”. Para lograr este obxectivo, haberá, así mesmo, un dispositivo de seguridade conformado polos seguintes efectivos: 12 axentes da Policía Local, 14 membros de Protección Civil, seis da Garda Civil e cinco de USECIC da Garda Civil.

Tamén che pode interesar