#OrgulloDeCambre: o Concello lanza a súa primeira campaña LGTBQI+

10 Jun 2022

A iniciativa incluirá charlas nos institutos, accións nas feiras de Cambre e O Temple e un concurso a través das redes sociais municipais.

#OrgulloDeCambre, e por partida dobre. Ese é o lema da nova campaña LGTBIQ+ do Concello, unha iniciativa coa que se busca transmitir varias ideas: por unha banda, a necesaria visibilización deste colectivo e, pola outra, o sentimento de orgullo de ser, vivir, sentir ou traballar en Cambre como municipio diverso e tolerante coas identidades de xénero e as orientacións sexuais. A concelleira de Benestar Social, Lúa Sanguiñedo, sinala que “a pesar de que se fixeron accións nesta liña en anos anteriores, esta é a primeira campaña que conta cun programa completo de actividades”. A edil explica que o obxectivo “ é chegar ao maior número de persoas posibles e, para conseguilo, levaranse a cabo accións nas feiras de Cambre e O Temple, nos institutos e nas redes sociais”.

Por unha banda, o Concello organizará charlas dirixidas ao alumnado de 1º da ESO dos IES Afonso X O Sabio e do David Buján. Nestes relatorios explicaranse conceptos básicos sobre as seguintes cuestións: diversidade sexual, identidade e expresión de xénero, visibilidade lésbica e trans, etc. Así mesmo, achegaranse datos actualizados sobre casos de homofobia, saúde sexual e recomendacións de libros de temática LGTBQI+.

O Concello aproveitará as feiras de Cambre e O Temple para achegar á cidadanía os obxectivos desta campaña. Para logralo, colocarase unha caseta informativa que contará con material gráfico (carteis e trípticos), un photocall onde os asistentes poderán sacarse unha foto profesional e, por último, haberá tamén un muro do Orgullo no que se expoñerán ilustracións coas caras e historias de referentes da historia do movemento LGTBQI+. A proposta chegará á feira de O Temple o 11 de xuño e á de Cambre o día 19.

En paralelo, o Concello poñerá en marcha un concurso de fotografías a través das redes sociais. Nel poderán participar tanto as persoas que se saquen unha fotografía nas feiras como as que prefiran subir unha imaxe ás súas redes sociais persoais. En todo caso, deberán empregar o hashtag #OrgulloDeCambre. O certame estará activo desde o 11 de xuño ata o día 26. Unha vez concluído este prazo, outorgarase un premio de 200 euros á persoa gañadora. As bases estarán publicadas na páxina web municipal.

As redes sociais do Concello recollerán, ao longo do mes de xuño, contidos da campaña para visibilizar e informar sobre esta cuestión.

Programa de actividades #OrgulloDeCambre

Bases do concurso #OrgulloDeCambre

Tamén che pode interesar