A proba desenvolverase durante a mañá con carreiras para diferentes categorías e implicará cortes de tráfico, restricións de estacionamento e modificacións puntuais nos accesos a varias zonas do núcleo A proba desenvolverase durante a mañá con carreiras para diferentes categorías e implicará cortes de tráfico, restricións de estacionamento e modificacións puntuais nos accesos a varias zonas do núcleo de Cambre
O Concello de Cambre celebrará o 15 de agosto a XXXIII Carreira Popular do Concello de Cambre, unha das citas deportivas habituais do calendario municipal, cun programa de probas para diferentes categorías e idades.
A competición desenvolverase durante a mañá con percorridos adaptados ás distintas categorías, desde Mini ata sénior e máster, e con distancias comprendidas entre os 130 e os 7.300 metros.
Horarios, categorías e distancias
| Categorías | Circuíto | Distancia | Horario |
|---|---|---|---|
| Sub-14, Sub-16 e Sub-18 | 1 volta ao circuíto pequeno do río Mero | 3.500 m | 09:50 h |
| Sub-20, Sub-23, Sénior e Máster 1, 2, 3 e 4 | 1 volta ao circuíto grande do río Mero | 7.300 m | 10:00 h |
| Sub-12 | 1 volta | 700 m | 11:20 h |
| Sub-10 | 1 volta | 500 m | 11:30 h |
| Mini (2019 e posteriores) | 1 volta | 130 m | 11:40 h |
As categorías Sub-14, Sub-16 e Sub-18 tomarán a saída ás 9:50 horas para completar o circuíto pequeno do río Mero, cunha distancia de 3.500 metros. Ás 10:00 horas comezará a proba de Sub-20, Sub-23, Sénior e Máster 1, 2, 3 e 4, cunha volta ao circuíto grande e unha distancia de 7.300 metros. A saída desta última proba realizarase antes de que as categorías anteriores completen o seu percorrido.
A continuación disputaranse as carreiras das categorías inferiores: Sub-12, ás 11:20 horas e sobre unha distancia de 700 metros; Sub-10, ás 11:30 horas e cun percorrido de 500 metros; e Mini, para participantes nacidos en 2019 e anos posteriores, ás 11:40 horas e cunha distancia de 130 metros.
Afeccións ao tráfico e ao estacionamento
Co obxectivo de garantir a seguridade das persoas participantes e facilitar o correcto desenvolvemento da proba, durante a mañá estableceranse cortes de tráfico, restricións de estacionamento e modificacións puntuais da circulación.
Desde as 8:00 horas cortarase a circulación:
- Desde a zona do comedor ata a rotonda do pavillón Sofía Toro.
- No acceso á contorna do Concello pola parte inferior de Casa Porto.
Tamén se instalará sinalización de prohibición de estacionamento nos seguintes puntos:
- Desde a zona da Policía Local ata o pavillón Sofía Toro.
- Na parada de autobús do Wenceslao.
- Na costa da Arrigada, no lado esquerdo en sentido ascendente.
- Na costa da Arrigada, no lado dereito desde a esquina de Trocalinguas ata o primeiro farol.
A estrada da Estación permanecerá cortada entre as 9:45 e as 10:15 horas. Durante o desenvolvemento da proba, recoméndase ás persoas residentes e usuarias dos garaxes das zonas afectadas que extremen as precaucións e sigan as indicacións do persoal colaborador.
Acceso aos garaxes da contorna do Concello
Na contorna do Concello produciranse tamén modificacións puntuais nos accesos aos garaxes durante a celebración da carreira.
Entre as 8:30 e as 12:30 horas, as persoas que precisen acceder aos garaxes afectados deberán facelo pola rúa de Correos e continuar pola estrada situada diante do colexio, que funcionará temporalmente en dobre sentido exclusivamente para facilitar a entrada e saída dos garaxes.
A estrada que conduce cara ao pavillón permanecerá cortada.
Ademais, entre as 11:30 e as 11:50 horas, a estrada de saída dos garaxes estará cortada en ambos os sentidos.
Noutras zonas afectadas polo percorrido, como os garaxes dos edificios da contorna do Museo e da Arrigada, a carreira desenvolverase entre as 8:30 e as 12:00 horas, polo que se solicita extremar as precaucións no caso de ser necesario entrar ou saír durante ese período.
Afeccións no paseo do río Mero
A celebración da Carreira Popular afectará tamén ao paseo do río Mero, que permanecerá ocupado entre as 9:45 e as 11:00 horas, desde a ponte de Sigrás ata a ponte de Cela, polas dúas marxes do río.
Por este motivo, recoméndase á veciñanza non facer uso deste tramo do paseo durante ese horario, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da competición e garantir a seguridade das persoas participantes e usuarias do paseo.
O Concello de Cambre agradece de antemán a colaboración e comprensión da veciñanza ante estas restricións temporais e solicita que se respecte a sinalización instalada e se sigan en todo momento as indicacións da Policía Local, do persoal da organización e das persoas colaboradoras.
A continuación poden consultarse os mapas cos percorridos das diferentes probas da XXXIII Carreira Popular do Concello de Cambre.




