Hoxe comezaron a traballar os artistas, Mon Devane, Socatoba, Magda Cwik e Huariu, que plasmarán as súas creacións en Sigrás, Cambre, A Barcala e O Temple.
Hoxe, luns 11 de xullo, deu comezo a quinta edición do Cromático Mural Fest, un evento co que o Concello de Cambre pretende levar a arte urbana ás rúas do municipio e que este ano chega, por primeira vez, mais alá das zonas urbanas.
Mon Devane (Galicia), Socatoba (natural de Badaxoz e residente en Barcelona), Magda Cwik (Polonia) e Huariu (Portugal) son os artistas invitados que, ata o domingo 17 de xullo, encherán de cor o municipio e sumarán máis obras ao museo ao aire libre municipal que se crea a través deste festival e que, cando finalice esta edición, contará con 30 obras. Trátase dunha proposta equitativa e con expoñentes de Galicia, España e tamén e tamén de Portugal e Polonia.
O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, destaca que “esta edición aterra, por primeira vez na súa historia, nas parroquias, ampliando a súa zona de influencia máis aló dás áreas urbanas”, facendo referencia ao mural que Mon Devane creará no antigo Hostal Alba (Os Campóns, Sigrás).
Programa completo
Ademais do de Sigrás, as obras están a realizarse tamén nas zonas urbanas: Cambre, A Barcala e O Temple. O portugués Huariu é o encargado de poñerlle cor a unha parede de Cambre (nas inmediacións da estrada Cambre-O Temple). A artista Socatoba (natural de Badaxoz e residente en Barcelona) fai o propio en O Temple, pintando no coñecido como Parque do xardín (baixo a ponte da autoestrada). Por último, a polaca, Magda Cwik, deixa o seu sinal na urbanización A Barcala (rúa Río Sil), dando continuidade ao mural que se realizou en 2021. Neste caso, a polaca anima a que calquera persoa que o desexe poida axudala durante o proceso creativo.
Tras o éxito que o mural colaborativo tivo na pasada edición, o Concello propuxo continuar con este traballo, apostando igualmente por converter o edificio Lumiera nun bosque animado. A actividade realizarase os días 13, 14 e 15 de xullo e estará aberta á participación de calquera persoa. A isto hai que sumar a organización de varios obradoiros que estarán impartidos por Viviana Lucciano e Tope Rodríguez.