A ciencia tamén pode ser unha cousa de nenos. Esa é a premisa que o Concello e a Asociación Xuvenil XentD100 tentarán probar empíricamente ao longo da fin de semana. Da man da VII Open Science, centos de mozos científicos se darán cita tanto hoxe como mañá no Campo da Feira, no Parque da Igrexa e no CEIP Wenceslao Fernández Flórez. A inauguración oficial da cita tivo lugar esta mañá, e correu a cargo das dúas codirectoras desta edición, Aroa Silva Pouse e Paula Méndez Gómez. Co seu xa clásica claqueta, as dúas mozas destaparon unha fin de semana de talleres, experimentos e charlas con varios mantras en común: prohibido non tocar! e prohibido non copiar!
Na inauguración da cita estiveron presentes a alcaldesa, María Pan, e o concelleiro de Economía, Facenda, Seguridade Cidadá e Innovación Tecnolóxica, Daniel Mallo, que fixeron un percorrido por algúns das 90 casetas situados no Parque da Igrexa e no Campo da Feira.
Trátase da edición máis multitudinaria da historia do evento. Así, ao longo dos dous días de feira tomarán parte uns 500 mozos e mozas procedentes de toda Galicia, doutros puntos de España (Alxeciras, Cataluña, Valencia, Castela e León, País Vasco, Estremadura, etc.) e de países como Portugal, Turquía e México.
De e para os mozos
A Open Science é, literalmente, unha feira de e para os mozos. De feito, detrás da maioría dos detalles organizativos desta edición están mozos e mozas de entre 14 e 24 anos. Os mozos convértense en protagonistas tamén durante o desenvolvemento da cita, expoñendo ao público os diferentes proxectos nos que traballan durante meses, e cos que melloran as súas habilidades sociais e, sobre todo, os seus coñecementos científicos.
O público que visite a feira poderá gozar de experimentos de todo tipo sobre as seguintes cuestións: repercusión e efectos dos celos no alumnado; aproveitamento das augas da choiva para xerar electricidade; mellora da alfabetización no medio rural; estudo sobre o comportamento dos distintos tipos de madeira; creación de ladrillos con materiais ecolóxicos etc. A relación completa pode consultarse na ligazón.
Talleres e charlas
A VII Open Science ofrecerá innumerables actividades, todas ao redor da ciencia. Entre elas destaca a Cienceneta, unha furgoneta na que se darán a coñecer diferentes experimentos para os máis novos. Así mesmo, haberá talleres de numerosas temáticas, como un co que os mozos e mozas poderán experimentar as diferentes formas xeométricas que poden adquirir as pompas de xabón. Non faltarán tampouco os talleres de drons ou as sesións de xadrez, un clásico na Open Science.
Entrega de premios
A sétima edición da Open Science continuará mañá, domingo 22 de setembro. A feira arrincará ás 10.00 horas e ás 13.00 horas está prevista a entrega de premios desta edición no Parque da Igrexa.