A colaboración entre Garda Civil e Policía Local sáldase cunha nova denuncia ao responsable dunha vertedura ilegal no Espírito Santo

14 Dec 2022

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil denunciou a un individuo que depositara residuos en Cecebre. En concreto, os feitos producíronse en Lendoiro, nunha parcela próxima ao polígono do Espírito Santo. Trátase dunha área na que se producen, habitualmente, estas infraccións, polo que tanto a Garda Civil como a Policía Local están a centrar esforzos en vixiar a zona para previr este tipo de condutas.

Desde a Policía Local lembran que se trata dunha infracción recollida na ordenanza municipal de limpeza viaria e ornato público do Concello de Cambre e que poderían carrexar sancións de ata 1.500 euros.

A Policía Local tamén está a reforzar as tarefas de vixilancia para reducir a aparición de verteduras incontroladas no termo municipal. Nas últimas semanas, os axentes municipais pillaron in fraganti ao responsable dunha vertedura ilegal en Altamira.

O alcalde, Óscar García Patiño, agradece “o labor que están a realizar na Policía Local e na Garda Civil, traballando de xeito coordinado para erradicar este tipo de comportamentos incívicos”.

Os veciños e veciñas de Cambre teñen á súa disposición un punto limpo móbil situado no polígono Espírito Santo e que funciona no seguinte horario: de luns a venres, de 9.30 a 13.00 horas e de 15.30 a 19.00 horas, e os sábados, de 9.30 a 13.00 horas. Ademais, lémbrase que o punto limpo do Consorcio As Mariñas realiza varias visitas mensuais ao municipio. O Consorcio dispón, a maiores, dun servizo de recollida de aveños e voluminosos que pode solicitarse a través do teléfono 981 795 524.

Tamén che pode interesar