Viaxar non é, unicamente, desprazarse de un lugar a outro, senón que existen numerosos aspectos a ter en conta tanto antes como durante calquera travesía. A OMIX Cambre creará, este verán, unha auténtica escola de trotamundos, dándolles aos mozos toda clase de consellos e pautas para planear e gozar das súas saídas durante a época estival. Para logralo, desde o departamento prepararon preto dunha vintena de actividades nas que se abordarán tanto aspectos de tipo loxístico como outros trucos de utilidade para as viaxes.
O programa de Kdadas de Verán celebrarase entre o 4 e o 14 de xullo de 11.30 a 13.30 horas, e incluirá un amplo abano de propostas nas dúas instalacións xuvenís, Casa das Palmeiras e Casa Arrigada. Ao longo deses días, combinaranse alternativas máis informativas con outras máis creativas. En todo caso, todas elas estarán centradas nas viaxes de verán.
As primeiras iniciativas terán lugar o propio martes, 4 de xullo, e serán un taller de pulseiras e trenzas (Casa Arrigada) e unha charla de plans top para o verán (Casa das Pameiras). Ao día seguinte, mércores 5 de xullo, os máis novos poderán aprender a planificar o seu Camiño de Santiago (Casa Arrigada) ou participar nun taller para confeccionar camisetas viaxeiras (Casa das Palmeiras).
A OMIX ofrecerá tamén unha sesión formativa para saber como interpretar mapas (xoves, 6 de xullo, Casa Arrigada) e outra de fotografía para viaxes (6 de xullo en casa das Palmeiras). Ao día seguinte (venres, 7 de xullo), os mozos e mozas poderán aprender a montar tendas de campaña en Arrigada ou, se o prefiren, terán ocasión de descubrir como elaborar os mellores bocadillos para viaxes (Casa das Palmeiras). A confección de botellas de verán (11 de xullo, Casa Arrigada), os consellos prácticos sobre que levar na mochila (12 de xullo, Casa Arrigada), os trucos para crear cadernos de viaxe de recordo (12 de xullo, Casa das Palmeiras) e os xantares de viaxe (13 de xullo, Casa Arrigada) serán outros tópicos centrais do calendario xuvenil. O programa abarcará, así mesmo, unha charla informativa para axudar aos mozos para planificar o seu interrail (11 de xullo, Casa dás Palmeiras) e un escape room centrado ao 100 % nas viaxes (13 de xullo, Casa dás Palmeiras).
As actividades son gratuítas e están dirixidas a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos. As persoas interesadas poderán inscribirse na páxina web omix.cambre.es.