Os máis novos poderán gozar do Samaín da man da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Cambre. O programa levarase a cabo as últimas semanas do mes de outubro en Casa das Palmeiras e incluirá intercambio de disfraces e unha festa con xogos e baile.
Por unha banda, o venres, 25 de outubro, terá lugar Preparando o Samaín, unha proposta coa que os mozos e mozas terán ocasión de adornar a Casa das Palmeiras con elementos decorativos propios da celebración. Ese día realizarase tamén un intercambio de disfraces co obxectivo de promover a reutilización da roupa e complementos doutros anos, dándolles así unha nova vida.
Polo outro, o xoves, 31 de outubro (de 18.00 a 20.00 horas), organizarase unha festa de Samaín na que haberá baile e sesión de xogos terroríficos para os máis novos.
As inscricións nestas actividades poden realizarse a través da web http://omix.cambre.es/. As persoas interesadas en recibir máis información poderán chamar ao 981 650 269 ou escribir un correo a pixtemple@cambre.org.