A Open Science encara a súa sexta edición mantendo o ‘prohibido non tocar’ como lema central

13 Set 2023

Prohibido non tocar, prohibido non copiar e feita por e para mozos. Estas foron as bases coas que a Open Science de Cambre se concibiu no ano 2018. A feira científica, organizada polo Concello e a Asociación Xuvenil XenTD100cia, vivirá, estes días, a súa sexta edición. Con todo, o evento manterá a esencia das súas orixes, tendo estes tres lemas máis presentes que nunca. Así o confirmaron, esta mañá, o alcalde, Óscar García Patiño, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Patrimonio, Turismo, Transformación Dixital e Innovación Tecnolóxica, Daniel Mallo, e as dúas codirectoras, Aroa Silva Pouse e Paula Méndez Gómez. A cita comezará este venres, 15 de setembro, e prolongarase ata o domingo, día 17, ofrecendo tres días completos de programación para todos os públicos.

Durante a súa intervención, o rexedor lembrou que o trazo diferencial da feira é, precisamente, “que está organizada polos mozos e mozas”. García Patiño lembrou “a dificultade de realizar un evento destas características, polo que facela sendo tan novos ten moito mérito”. O alcalde agradeceu “o enorme traballo e dedicación” do equipo de voluntarios e confirmou o compromiso do goberno local “para que a Open Science continúe medrando”. Pola súa banda, Daniel Mallo apuntou algunhas cifras que veñen confirmar a tendencia á alza da Open Science: “nesta edición contaremos con 100 casetas, presentaranse proxectos de 80 colexios e prevese a participación duns 350 nenos e nenas”.

Actividades para todos os públicos

Pola súa banda, as codirectoras explicaron como será a programación desta sexta edición. Como nos últimos anos, as actividades realizaranse no Parque da Igrexa, no CEIP Wenceslao Fernández Flórez e no pavillón Sofía Toro.

As propostas comezarán o venres, ás 21.00 horas, con Ciencia Nocturna, un conxunto de espectáculos que correrán a cargo de Espiciencia, Cía de María, XenTD100cia e David Ballesteros. O sábado, día 16, a feira inaugurarase ao redor das 12.00 horas e desenvolverase ata as 19.00 horas, mentres que o domingo, día 17, a Open estará dispoñible de 10.00 a 14.00 horas. O programa incluirá talleres, presentación de proxectos escolares, postos de divulgación dos colexios participantes. A feira científica concluirá o domingo, ao redor das 13.00 horas, coa entrega dos premios OSC 2023.

Unha das propostas máis novas desta edición será a incorporación de actividades relacionadas coa animación dixital. En concreto, a VI Open Science ofrecerá dous talleres vinculados a este tópico: un taller de animación dixital co gañador do Goya, Xosé Zapata (sábado, ás 17.00 horas, no CEIP Wenceslao Fernández Flórez) e outro coa lead level designer en videoxogos Smalland, Cristina García Aradas, Mapache, (domingo, ás 11.00 horas, tamén no colexio).

Outra das iniciativas máis interesantes da Open consistirá nun relatorio a cargo do responsable de Educación e Divulgación da fundación Margarita Salgas, David Perezagua. O físico impartirá a charla Margarita Salgas. Unha científica singular nun momento singular.

Un traballo en equipo

Aroa e Paula estréanse , este ano, na codirección da feira. Con todo, a súa implicación coa Open Science vén de anos. As dúas mozas foron elixidas polo resto dos seus compañeiros para converterse en as caras visibles desta edición. En todo caso, o funcionamento da Open estará supeditado ao traballo do equipo de voluntarios que, nesta ocasión, serán tanto do IES David Buján e do Afonso X O Sabio como dalgún centro da Coruña. Os mozos e mozas, de entre 12 e 21 anos, estarán divididos en oito comisións: información, xurado, e-sports, espectáculos, acollida e comida, redes sociais, audiovisuais e drons.

Durante a presentación, as dúas mozas animaron ao resto dos seus compañeiros para implicarse “de cheo” na feira científica ao longo de toda a fin de semana. Desta forma, como recoñeceron, a Open Science “é unha oportunidade única coa que veredes que podedes conseguir todo o que vos propoñades”.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.