A Policía Local intercepta a dous mozos que tentaron roubar as rodas dun vehículo na Barcala

11 Xul 2023

A Policía Local interceptou, durante a pasada madrugada, a dous mozos como presuntos autores dunha tentativa de roubo de rodas. Os feitos producíronse ao redor das 0.55 horas, cando os axentes municipais estaban a patrullar polo polígono industrial da Barcala.

Durante os labores de vixilancia, os axentes viron a dous mozos na zona. Ao decatarse da presenza policial, os mozos escondéronse entre varios vehículos, alertando aos policías, que decidiron entón apearse do coche. Os individuos, que non portaban documentación, teléfono móbil nin ningún outro efecto persoal, explicaron que eran primos e indicaron que un deles estaba a sufrir un ataque de ansiedade. A maiores, aduciron que estaban a ir ás festas de Vilaboa. Con todo, a Policía localizou debaixo dun dos automóbiles unha chave de parafusos e unha chave de reparación de pneumáticos tipo carraca que coincidía co diámetro dos parafusos das rodas do coche. Así mesmo, ao seu lado estaba estacionado un Volkswagen Golf coas tapas cubretornillos retiradas e depositadas baixo a estrutura.

A Policía Local trasladou o aviso á Garda Civil, realizándose unha inspección conxunta entre os axentes de ambos os corpos. A escasos metros do lugar dos feitos atopouse un vehículo da marca e modelo BMW, cos asentos traseiros recostados e tapados e cun gato hidráulico no maleteiro. O vehículo estaba aberto, tiña as chaves postas e o motor fora apagado recentemente. No interior acháronse os teléfonos móbiles dos identificados. Nese momento, un dos autores manifesta que o coche é da súa parella e que pretendían subtraer as rodas do outro automóbil para usalas no primeiro. A Garda Civil procedeu á súa detención como presuntos autores de tentativa de roubo ao redor das 2.00 horas.

Tamén che pode interesar