A rexedora decreta a emerxencia sanitaria e abre unha vía para resolver os problemas de limpeza dos colexios e do centro de saúde

2 Mai 2024

A alcaldesa de Cambre, María Pan Lesta, acaba de asinar un decreto co que declara a emerxencia sanitaria polos problemas de limpeza que están a sufrir os colexios e o centro de saúde. Trátase, como explica a rexedora, dunha medida que se “leva valorando desde hai semanas e que agora está apoiada no informe técnico feito polo persoal do departamento de Servizos, no que se conclúe que existe un problema de salubridade”. Esta declaración faculta ao Concello a contratar a unha empresa para que realice estes labores de forma urxente e temporal, solicitándose xa orzamento a dúas compañías. A primeira edil incide en que se trata dunha medida transitoria que irá en paralelo á regularización do servizo cos novos pregos e ao pago de facturas pendentes, algo que, tal e como anunciou confía en facer por medio dun recoñecemento extraxudicial de crédito.
Nas últimas semanas, a rexedora contactou tanto coa Xunta de Galicia como coa Deputación da Coruña para expor a ambos os organismos a posibilidade de establecer un convenio que permitise a Tragsa asumir de forma temporal a limpeza de edificios municipais. En concreto, Pan Lesta expuxo esta proposta ao organismo autonómico o 25 de abril. Cinco días despois, o día 30, a Xefatura Territorial de Educación da Coruña envío un correo a Alcaldía pedindo medidas para solucionar os problemas de limpeza nun centro educativo do municipio, eludindo a proposta de convenio formulada pola alcaldesa. A rexedora reiterou a petición esta mesma mañá aínda que, dada a urxencia da situación, optou por decretar a emerxencia sanitaria, entendendo que “é a saída máis áxil para resolver a problemática, que está a afectar á comunidade educativa de Cambre e, en particular, aos nenos e nenas”. Tal e como se explica no decreto de Alcaldía, o estado de emerxencia estará vixente o tempo exacto como para “licitar e adxudicar o novo contrato de limpeza”. A alcaldesa contactará con todos os centros de ensino para trasladar esta situación.
Novos pregos e pagos pendentes
En paralelo a este decreto, a alcaldesa apunta que se continúa traballando na actualización dos pregos para licitar a prestación: “os documentos técnicos xa se remitiran a Contratación e tras o informe desfavorable, o persoal está a adoptar os cambios precisos para volver remitilos de novo á área para informe. A previsión é que se poidan volver presentar a Contratación nos vindeiros días”.
En canto ao pago de facturas pendentes, a rexedora lembra que no mes de decembro solicitouse xa abonar a metade da débeda pendente cos provedores, unha medida que informaron de forma desfavorable as habilitadas nacionais de Intervención e Secretaría. Tras os ditames emitidos polo Consello Consultivo nos que se determina a necesidade de realizar a revisión de oficio de dous expedientes (limpeza de instalacións municipais e iluminación pública), a alcaldesa continúa reafirmando a súa intención de resolver esta débeda cun recoñecemento extraxudicial de crédito: “xa emitín unha segunda providencia solicitando á titular da área de Intervención para que informe sobre a proposta de pagar as facturas do 2023 pendentes cos provedores”.
A rexedora incide en que, nas últimas semanas, tanto ela como a concelleira de Desenvolvemento Asociativo, Educación e Sanidade, María Carmen Pan Matos, mantiveron varias reunións e comunicacións cos centros de ensino.
Na mesma liña, a rexedora mantivo a comunicación coa empresa, “que non nos comunicou que o persoal estivese en ERTE ou que se fosen levar a cabo folgas, algo que si fixeran no mes de xaneiro”, explica Pan Lesta. Precisamente, desde que Jardincelas saíu do ERTE en xaneiro, o Concello formulou ata tres requirimentos solicitando que se retomasen e centralizasen as tarefas de limpeza nos colexios e no centro de saúde. Con todo, ante a falta de execución destes traballos, a alcaldesa chegou a un acordo cos conserxes do diferentes CEIP, “que accederon, desde o primeiro momento, a colaborar coas tarefas de limpeza ata que a problemática quedara resolta”, explica a rexedora.
A alcaldesa confía en que este decreto abra unha nova vía para “resolver os problemas de insalubridade. Lamento que o bloqueo administrativo que vive Cambre estea tendo unha afección directa entre a veciñanza e, sobre todo, entre os pequenos e as súas familias. Baralláronse todas as opcións que estaban nas nosas mans pero, aínda así, quero desculparme pola demora”.
A primeira edil agradece a enorme implicación e traballo da persoal da área de Servizos e dos conserxes dos colexios, “que non dubidaron, nin por un segundo, en botar unha man en todo o que fose preciso para reverter estes problemas”.
Informe técnico
No informe elaborado desde a área de Servizos, o técnico municipal determina que as condicións de hixiene e limpeza “non están a ser cumpridas de acordo coa normativa”. A maiores, determínase que se a falta de limpeza persiste no tempo “existe a posibilidade de que a autoridade sanitaria competente poida decretar o peche temporal dalgunha destas dependencias”.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.