O programa está organizado polo Club Xuncas Diversia en colaboración co Concello, o Club Baloncesto Cambre, a asociación de Árbitros Españoles de Baloncesto Asociados e a Federación Galega de Baloncesto.

Cambre converterase, nos próximos días, na sede do II Campus de Árbitros, organizado polo Club Xuncas Diversia en colaboración co Concello, o Club Baloncesto Cambre, a asociación de Árbitros Españoles de Baloncesto Asociados (AEBA), a Federación Galega de Baloncesto e outras entidades privadas. O programa, que arrincará o día 7 e se prolongará durante cinco días, permitirá aos participantes continuar coa súa formación integral, adquirindo ou perfeccionando así as súas habilidades técnicas.

O salón de plenos do Concello acolleu, esta mañá, a presentación da iniciativa, que correu a cargo do alcalde, Óscar García Patiño, do concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, do director técnico do Campus e árbitro grupo 1 da Federación Española de Baloncesto, Cristian Martín Vázquez, do coordinador do Campus e membro da directiva do Xuncas Diversia, Carlos Pascual Faura, e do secretario do CB Cambre, Marcos Prieto Souto.

O Campus desenvolverase en dous bloques que estarán interrelacionados entre si: por unha banda, levarase a cabo unha parte teórica e formativa coa que as persoas participantes poderán empaparse de coñecementos e, polo outro, realizarase outra 100% práctica na que poderán poñer en práctica os diferentes contidos aprendidos.

Para brindar a mellor formación posible aos 43 participantes, o Campus conta cun equipo docente de primeiro nivel. Este estará conformado por árbitros internacionais e da ACB. Os profesionais que formarán parte do persoal docente son os que, a continuación, indícanse:

  • Benjamín Jiménez: árbitro Internacional Euroliga, árbitro ACB e coordinador técnico arbitral da FEB.
  • Miguel Ángel Pérez: árbitro internacional Euroliga, árbitro ACB e director técnico arbitral da FGB.
  • Esperanza Mendoza: árbitra Internacional FIBA, árbitra ACB e técnica da FEB.
  • Carlos Cortes: árbitro Internacional Euroliga e técnico da FEB.
  • Alfonso Oliveirais: árbitro ACB e director técnico FBM.
  • Iyan González: árbitro ACB e director técnico FBPA.
  • David Sánchez Benito: árbitro ACB e responsable de Formación FCyL.

A maiores, David Domínguez será o preparador físico do programa pola súa ampla experiencia, tanto neste campo como no da formación arbitrarial. Máis aló da parte física, Lara Jiménez traballará cos campistas outros aspectos relacionados coa esfera mental. Abordaranse cuestións como a xestión de emocións, o traballo en equipo, a concentración, o liderado, entre outras, dándolles, ademais, pautas e consellos para aprender a convivir cos erros.

Tanto o rexedor como o concelleiro sinalaron o “orgullo” que supón para Cambre ser sede, de novo, dunha actividade destas características. No mes de xullo, o municipio acolleu tamén a celebración do Campus Javi Muñoz.