As creadoras serán as protagonistas do programa de febreiro en Cambre co Festival Muller á Escena

30 Xan 2024

As mulleres creadoras protagonizarán unha parte da programación do mes de febreiro en Cambre. A través do Festival Muller á Escena, organizado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña en colaboración coa Concellería de Benestar Social e coa Concellería de Cultura, o municipio acollerá varias pezas audiovisuais, espectáculos teatrais, e tamén charlas divulgativas ao redor deste fío condutor.

O programa comezará este venres, 2 de febreiro, ás 19.30 horas (Vila Concepción) coa inauguración da exposición Atlánticas, de Viki Rivadulla, centrada na creación plástica en feminino. Ese día, a autora estará presente na actividade e realizará unha visita guiada ás persoas participantes. Con todo, a mostra poderá visitarse en Vila Concepción ata o día 15. O sábado, 3 de febreiro, ás 19.30 horas o centro sociocultural O Graxal acollerá o espectáculo Golpes, de Estíbaliz Veiga. A función buscará visibilizar como nas accións máis cotiás nace o golpe da desigualdade e chega a violencia machista.

O calendario do Festival continuará o venres, 16 de febreiro. Ás 19.30 horas, Olga Osorio relatará a súa experiencia como directora de cinema en Vila Concepción. O luns, 19 de febreiro, terá lugar un teatro-foro dirixido ao alumnado do IES David Buján, e que correrá a cargo de Vanessa Rivas e Noelia Darriba.

O venres, 23 de febreiro, María Solar expoñerá tamén a súa experiencia como escritora coa charla A escritura en feminino (19.30 horas en Vila Concepción). Ao día seguinte, sábado 24 de febreiro, terá lugar a representación de María Milagros por parte de Miluka Suriñac. Trátase dunha obra-performance protagonizada por Suriñac na que se reflicte a situación actual dunha muller que está a piques de cumprir 40 anos, ten dous fillos, un can e unha casa con xardín, pero non é feliz. A artista percorrerá a súa vida para tentar descubrir onde se perdeu.

A concelleira de Benestar Social, Mary Mer Prieto, anima a todos os veciños e veciñas a asistir a estas actividades coas que se busca “dar visibilidade a todas as mulleres creadoras das diferentes disciplinas artísticas”.

Tamén che pode interesar