Unha nova canteira de futuras promesas do baloncesto xurdirá, este verán, en Cambre. Todo grazas ao Campus Xuncas Internacional, organizado polo Club Xuncas Diversia e o Club Baloncesto Cambre en colaboración co Concello. A iniciativa, que se realizará no municipio por cuarto ano consecutivo, aterrará nel con importantes novidades. Por unha banda, adquirirá un enfoque internacional, abríndose a alumnado, non só de fóra de Galicia, senón tamén de España. Polo outro, a actividade ampliouse, ofrecendo dúas quendas: un, do 13 ao 20 e outro do 20 ao 27 de xullo.
A alcaldesa, María Pan, e o concelleiro de Cultura, Deportes e Xuventude, David Saborido, recibiron, hoxe, ao director deportivo do Campus Xuncas Internacional e primeiro adestrador do Ensino Lugo, Antonio Pernas, así como ao presidente do CB Cambre, Javier Prieto, ao director técnico do Club Xuncas e adestrador do CB Cambre, Fernando Díaz, e ao director xeral da Asociación Deportiva e Cultural Diversia e adestrador do CB Cambre, Anxo Nadela,
En total, ao longo das dúas semanas do programa participarán máis de 100 alumnos e alumnas procedentes dos seguintes lugares: Cambre, Nigrán, Culleredo, Montrove, Santiago, Lugo, Sarria, A Coruña, Madrid, Palma de Mallorca e Estados Unidos. A ampliación de días adoptouse tendo en conta as boas cifras de participación obtidas nas últimas edicións. Con todo, desde a organización confían en que estes números continúen crecendo co paso dos anos.
Con respecto a outras edicións, o campus incorporou un grupo especial de tecnificación no que tomarán parte tres xogadoras da liga Feminina de Baloncesto: Ceci Muhate e Blanca Milán, do Durán Maquinaria Ensino Lugo e Sabela García (do Osés Construción Ardoi). A maiores, o programa contará coa participación de 13 adestradores que se encargarán de inculcar aos mozos a paixón polo baloncesto. O Campus Xuncas Internacional contará tamén cun preparador físico e cunha fisioterapeuta.
Deporte e convivencia
Máis aló dos adestramentos, o campus ofrecerá tamén propostas de lecer. Ao longo da experiencia, as persoas participantes poderán realizar saídas e outras actividades complementarias. Entre elas, gozarán de pádel surf, veladas nocturnas e dunha visita ao Aquapark de Cerceda.