Cambre abrirá o sábado o prazo para solicitar cabanas castrexas durante a VI Galaicoi

29 Xuñ 2023

Asociacións, fundacións, organizacións non gobernamentais, agrupacións deportivas, culturais, políticas e particulares poden pedir xa unha cabana castrexa para a VI Galaicoi de Cambre. O período de solicitude estará aberto desde este sábado, 1 de xullo, ata o luns, día 10. A disposición destas cabanas suscita, ano tras ano, un gran interese entre a cidadanía. Por esa razón, os e as solicitantes terán que empregar a cabana durante os tres días do evento. Estas construcións non só forman parte da cita, senón que son un dos elementos que converten á Galaicoi nunha auténtica romaría.

Toda a información e os documentos anexos da convocatoria están publicados na sede electrónica do Concello. As persoas interesadas en presentar a solicitude poderán facelo de forma telemática a través da propia sede. A maiores, poderán facelo presencialmente entregando a documentación nalgún dos rexistros de entrada.

Unha vez pechado o prazo, avaliaranse todas as solicitudes presentadas por parte de asociacións e entidades. Estas ordenaranse utilizando os seguintes criterios:

  • Solicitudes de entidades ou colectivos que teñan o seu domicilio social en Cambre: 5 puntos.
  • Solicitudes de entidades ou colectivos que xa participasen en edicións anteriores da cita: 2 puntos.
  • Número de días que participaron na edición de 2022 da Galaicoi: 0,5 puntos por día (podendo obterse, como máximo, 1,5 puntos).
  • Número de persoas que participaron na romaría de 2022: ata 0,5 puntos por cada fracción de 10 persoas (0,5 se participou un número de ata 10 persoas, 1 punto se participou un número de ata 20 persoas e 1,5 puntos se participou un grupo superior ás 20 persoas).

En caso de producirse empate unha vez aplicados estes criterios, terase en conta a orde de rexistro de entrada.

Tras analizar as peticións de entidades, estudaranse as de particulares utilizando, para iso, os seguintes criterios:

  • Solicitudes de particulares empadroados/as en Cambre: 2 puntos.
  • Solicitudes de particulares que xa participasen en edicións anteriores da Galaicoi: 0,25 puntos por cada edición (podendo obter, como máximo, 1 punto).
  • Número de días que participaron na romaría do 2022: 0,25 puntos por día, obtendo un máximo de 0,75 puntos.
  • Número de persoas coas que participaron na romaría de 2022: 0,25 puntos por cada fracción de dez persoas, ata un máximo de 0,75 puntos (0,25 se participou un número de ata 10 persoas, 0,5 puntos se participou un número de ata 20 persoas e 0,75 puntos se participou un grupo superior ás 20 persoas).

Como no caso anterior, se se produce un empate, tomarase como referencia a orde de entrada da solicitude.

As persoas que non obteñan cabana poderán participar no evento igualmente, podendo solicitar outros materiais como, por exemplo, taboleiros e alpacas. En todo caso, deberán facer a correspondente solicitude.

 

Tamén che pode interesar