Dúas sesións ás 10:00 e ás 18:00 horas no local social da terceira idade de Cambre
Cambre, 20 de outubro de 2026. O Concello de Cambre e o Consorcio As Mariñas celebrarán o martes 27 de outubro as sesións de formación e entrega de material da nova campaña de compostaxe doméstica «Aproveita os teus residuos orgánicos, COMPOSTA!». Haberá dúas quendas para facilitar a asistencia: ás 10:00 e ás 18:00 horas, no local social da terceira idade de Cambre.
As sesións son gratuítas e ensinan a compostar paso a paso: que residuos se poden botar no composteiro, como manter o equilibrio entre restos húmidos e secos, e cando e como usar o compost. Ao remate, as persoas participantes recibirán o composteiro e o material para comezar a compostar na casa.
As persoas que xa se anotaron recibirán unha chamada do equipo da campaña para confirmar a súa asistencia. Quen aínda non o fixese pode anotarse en http://consorcioam.rsu.gal/ para axilizar a entrega de material, aínda que tamén pode acudir á sesión sen inscrición previa e anotarse alí mesmo.
Cambre forma parte dos oito concellos do Consorcio As Mariñas (Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada), onde a campaña desenvolverá 36 accións de formación e sensibilización. A campaña diríxese tamén aos máis de 3.000 fogares que xa teñen composteiro no territorio, que recibirán unha chamada dos mestres composteiros para resolver dúbidas.
O obxectivo do Consorcio é aumentar un 5 % os fogares que compostan activamente e producir arredor de 27.375 kg máis de compost ao ano.
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa FEDER Galicia 2021-2027.