Cambre adxudica un contrato de emerxencia para garantir a limpeza nos colexios, centro de saúde e instalacións municipais

9 Mai 2024

A empresa Tragsa encargarase, de forma transitoria a través dun contrato de emerxencia, da limpeza das instalacións municipais. Así o confirmou, esta mañá, a alcaldesa de Cambre, María Pan, despois de proceder á adxudicación do contrato. A adxudicación prodúcese sete días despois de que a rexedora decretase a emerxencia sanitaria debido á falta de limpeza nos colexios, centro de saúde e no resto das instalacións municipais. Ante as dúbidas expostas polos veciños e veciñas, a primeira edil aclara que esta compañía “realizará os labores de limpeza mentres o servizo non estea regularizado de xeito definitivo, isto é, mentres non se licite e se adxudique a prestación” estimando un tempo de duración deste contrato de emerxencia nuns seis meses.
A rexedora avanza que os seguintes pasos serán, por unha banda, trasladar esta información ás direccións e ANPAS dos colexios e ao centro de saúde e, polo outro, manter unha reunión coa adxudicataria para pedirlles “a maior celeridade posible na tramitación da subrogación do persoal para poder empezar a traballar o antes posible con total normalidade, especialmente, nos colexios, na escola infantil e no centro médico, as dependencias prioritarias”.
A adxudicación chega uns días despois de que a alcaldesa decretase a emerxencia sanitaria. O pasado venres (3 de maio), o Concello iniciou o expediente para a contratación da limpeza por vía de emerxencia. Para iso, solicitou a dúas empresas que presentasen as súas ofertas económicas, dándolles de prazo ata o martes, 7 de maio, ás 23.59 horas. Finalmente, unha delas desistiu do proceso, resultando adxudicataria Tragsa.
Convenio
Antes de decretar a emerxencia sanitaria, a primeira edil expuxo a posibilidade de establecer un convenio coa Xunta ou coa Deputación da Coruña tendo en conta que Tragsa é un medio propio de ambas as administracións. No caso da Deputación, indicouse que o trámite se dilataría no tempo, polo que a rexedora descartou esta alternativa. En cambio, a Xunta de Galicia non chegou a dar resposta á primeira consulta da alcaldesa, formulada o pasado 25 de abril.
O pasado 19 de marzo, o alcalde en funcións nese momento chegou a emitir unha providencia a Secretaría e Intervención solicitando unha solución para garantir a salubridade nos colexios mentres non se adxudicase o novo contrato. A resposta de ambos os departamentos limitouse a indicar a necesidade de licitar o novo contrato.
Novos pregos
A primeira edil recalca, de novo, que esta será unha medida transitoria e irá en paralelo a dúas tarefas: a regularización do servizo cos novos pregos e o pago de facturas pendentes á empresa que, ata o de agora, realizou estes labores.
Os novos pregos da limpeza de instalacións municipais foron delegados a Contratación (que depende de Secretaría) para informe o 29 de febreiro. Estes documentos técnicos foron informados en contra tanto por Contratación como por Intervención, emitindo informe de reparo suspensivo o 10 de abril. Nestes momentos, o persoal técnico da área de Servizos está a terminar de facer os axustes que estima pertinentes para sacar a licitación o prego. Uns traballos que se viron retardados porque este mesmo departamento encargouse tamén da elaboración dos informes que avalaron a declaración da emerxencia sanitaria, así como do procedemento para o contrato de emerxencia.
En canto ao pago das facturas que se lle deben a Jardincelas, a intención da alcaldesa é abonalas por medio dun recoñecemento extraxudicial de crédito. En concreto, incluiranse aquelas facturas que contan, na actualidade, con todos os informes. O Concello devolveu á empresa as facturas correspondentes á duración do ERTE por estar mal emitidas, ao recoller o importe total da prestación e non as horas efectuadas, polo que estas deben ser emendadas.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.