Cambre apoiará ás entidades sociais cunha liña de subvencións de 30.000 euros

23 Feb 2023

O goberno local mantén a súa aposta por apoiar ás entidades sociais do municipio. Trátase dun compromiso que o equipo de goberno espera referendar no pleno ordinario de hoxe, 23 de febreiro, aprobando as bases da convocatoria de subvencións en materia de servizos sociais para o 2023. A liña, que conta cunha consignación de 30.000 euros, servirá para dar apoio ás asociacións de corte social coa execución de proxectos e actividades dirixidos aos seguintes grupos de poboación: minorías étnicas e culturais, persoas en risco de pobreza severa, familias en situación de vulnerabilidade, persoas con diversidade funcional, maiores, inmigrantes, infancia e mocidade, ou persoas que requiran da aplicación de medidas especiais para a súa inserción social ou laboral. A concelleira de Benestar Social, Lúa Sanguiñedo, apunta que se trata dunha liña “esencial coa que buscaremos prestar apoio a todas as asociacións que traballan, no día a día, para promover a igualdade de oportunidades e a inclusión social no noso municipio. Realizan un labor que consideramos fundamental e que se volveu aínda máis imprescindible por mor da pandemia e da recesión económica actual”. As subvencións están dirixidas a sufragar programas que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2023. Cada entidade solicitante poderá presentar un máximo de tres iniciativas que deberán estar enmarcadas dentro dalgunha das seguintes liñas de acción: inclusión social e/o laboral, igualdade, sociosanitaria, adiccións, discapacidade e inmigración. A axuda económica concedida non poderá superar os 3.000 euros por proxecto. Poderán pedir estas subvencións as asociacións que desempeñen o seu labor no termo municipal e que estean legalmente constituídas e rexistradas nos Rexistros Central ou Provincial de Asociacións. Excepcionalmente, poderán requirir estas axudas as entidades que, aínda non estando no concello, teñan en marcha proxectos que beneficien a veciños e veciñas de Cambre. En todo caso, todas as solicitantes deberán estar ao corrente das súas obrigacións coa Axencia Tributaria, Seguridade Social e Facenda Local. O prazo de presentación estará aberto durante un mes contado a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.