Cambre aposta por un Samaín sostible cun novo intercambio de disfraces

24 Out 2023

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) volve apostar por un Samaín “sostible” organizando un novo intercambio de disfraces. A iniciativa xordeu, por primeira vez, no Entroido de 2023, conseguíndose unhas boas cifras de participación. O mecanismo da proposta é sinxelo: os interesados poderán deixar os seus disfraces e complementos e, a cambio, escoller outro.

O obxectivo desta actividade non é outro que dar unha nova vida e reciclar estas prendas. E é que o 85 % destos traxes empréganse só unha vez e logo adoitan tirarse. A proposta está aberta á participación de veciños e veciñas de todas as idades, que poderán doar traxes completos, disfrace sen accesorios ou entregar só estos últimos. En todo caso, deberán estar en boas condicións (limpos e sen remendos).

Unha vez que seleccionen o disfrace, as persoas interesadas poderán deixalo en calquera das dúas casas da xuventude (Arrigada ou Palmeiras) ata o vernes, 3 de novembro ás 20.00 horas. A cambio, recibirán un vale de troco que, posteriormente, poderán empregar para facer efectivo o troco.

Actividades

A OMIX ten preparada, ademais, varias actividades nas dúas casas da xuventude. Este venres, 27 de outubro, Casa das Palmeiras acollerá unha tarde de decoración coa que os máis mozos poderán ir quencendo motores para o Samaín. O martes, 31 de outubro, celebrarase na Casa das Palmeiras unha tarde de Samaín que incluirá mesa de maquillaxe, xogos temáticos e proxección de curtas de medo. A maiores, o 31 celebrarase en Casa Arrigada unha festa de Samaín para mozos e mozas de entre 12 e 17 anos. Todas estas actividades levaranse a cabo de 18.00 a 20.00 horas.

A rapazada que desexe participar terá que apuntarse previamente a través da páxina web www.omix.cambre.es.

Tamén che pode interesar