A decisión busca adaptarse ao calendario e potenciar as festas tradicionais.
O Concello de Cambre oficializou no Pleno municipal celebrado hoxe, 28 de agosto, a elección dos dous días festivos de ámbito local para o ano 2026. A corporación deu luz verde á proposta que establece como xornadas non laborables o martes 17 de febreiro, Martes de Entroido, e o luns 17 de agosto.
Respecto ao primeiro, a elección do Martes de Entroido (17 de febreiro) enmárcase na política de recuperación e promoción das celebracións populares.
En canto ao segundo festivo, a elección do 17 de agosto responde a unha circunstancia excepcional do calendario. O 16 de agosto é a festividade tradicional de San Roque, que se celebra en Cambre, e considérase o día grande das festas locais. Non obstante, no ano 2026, esta data coincide en domingo, que xa é día de descanso obrigatorio por lei.
O calendario laboral de 2026 en Cambre quedará así reforzado con estas dúas xornadas, que se suman aos festivos nacionais e autonómicos establecidos.