Cambre avanza no proceso de peonalización do núcleo urbano coa remodelación da fronte da Casa do Concello

19 Xul 2022

As obras, que acaban de iniciarse, supoñerán a mellora das condicións de accesibilidade e mobilidade, así como a posta en valor de elementos patrimoniais como a igrexa de Santa María e o cruceiro.

O alcalde explica que estas intervencións “seguen a liña de traballo pola que apostamos nos últimos anos e coa que buscamos crear espazos de encontro, lecer e esparexemento para vos veciños e veciñas”.

Unir o Campo dá Feira, a praza Europa e a zona da Casa do concello, creando un espazo no que o veciño sexa o protagonista. Esa é a proposta do Concello de Cambre para o núcleo urbano e que se fará realidade, proximamente, a través da remodelación da zona exterior da Casa Consistorial. O proxecto, que acaba de iniciarse, supoñerá a creación dun espazo público na parte frontal da Casa do Concello, dando continuidade a outras intervencións executadas nos últimos anos. O alcalde, Óscar García Patiño, sinala que estas obras supoñen dar un paso máis “para seguir avanzando na peonalización das zonas urbanas. Neste caso, garantiremos a conexión peonil entre o Campo da Feira, a praza Europa e a Casa do Concello”. García Patiño indica, ademais, que estas actuacións “seguen a liña de traballo pola que apostamos nos últimos anos e coa que buscamos crear espazos de encontro, lecer e esparexemento para os veciños e veciñas”.

As obras foron adxudicadas por máis de 60.000 euros e, con elas, cumpriranse os seguintes obxectivos: mellorar as condicións de accesibilidade e mobilidade peonil, poñer en valor os diferentes elementos patrimoniais da zona (igrexa de Santa María de Cambre e cruceiro) e garantir unha maior continuidade co Campo da Feira e a praza Europa.

Creación dun novo espazo de estancia

O proxecto suporá a elevación da cota para permitir o acceso directo á Casa Consistorial eliminando, para iso, a rampla e as escaleiras existentes. Ao elevar dita cota, haberá sitio suficiente para crear un espazo de estancia que contará cunha área axardinada e varios bancos. Na zona do cruceiro habilitaranse dúas prazas de aparcamento restrinxido. Empregaranse dous tipos de pavimento distintos, un pétreo na zona peonil e no punto de acceso ao Campo da Feira e outro de formigón lavado para a calzada. A maiores, instalarase nova iluminación tanto na zona da praza como no paso de peóns.

 

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.