Cambre celebra a súa XVI Xuntanza do Maior o domingo 26 de xaneiro

11 Xan 2025

O Concello de Cambre celebrará o domingo 26 de xaneiro a XVI edición da súa Xuntanza do Maior, unha cita que servirá para homenaxear un ano máis a todas as persoas maiores do municipio, e que terá lugar no pavillón municipal de Os Campóns, en Sigrás.

No evento poderán participar todas as persoas maiores de 65 anos empadroadas en Cambre, que poden inscribirse na actividade dende o luns 13 e ata o luns 20 de xaneiro, de 9:00 a 13:00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, habilitarase un servizo de autobús que percorrerá as parroquias de Cambre, para así facilitar o acceso ao evento de todos os veciños e veciñas.

O menú da xornada constará de tres pratos: callos de primeiro, carne asada con patacas e guarnición, de segundo, e larpeira e queixo do país con marmelo de sobremesa. Dita comida irá acompañada da actuación musical dunha orquestra, así como das Mariñas de Cambre, que animarán e dinamizarán o evento.

A concelleira de Servizos Sociais, Landa Díaz, quixo convidar a todos os veciños e veciñas a que “participen e se sumen a esta xornada, que xa temos marcada no calendario cada ano, e na que a nosa xente maior é a protagonista”.

Para máis información sobre o evento e as inscricións, pódese contactar ao número de teléfono 981 65 48 12.

Tamén che pode interesar