Cambre celebra o “éxito de participación” das súas 11 casetas de intercambio de libros

22 Ago 2024

As 11 casetas de intercambio de libros Biblioteca na rúa e repartidas por todo o termo municipal continúan funcionando a pleno rendemento. Trátase dunha proposta coa que o goberno local busca un dobre obxectivo: por unha banda, promover a lectura entre a cidadanía sacando os libros á rúa e, polo outro, darlles unha segunda vida ás obras que os veciños e veciñas xa lesen. A iniciativa xurdiu no 2022 coa instalación dun primeiro punto de bookcrossing no Parque da Igrexa. Ante o éxito da experiencia, o Concello estendeu o proxecto a outros dez lugares do municipio, contando cun total de 11 casetas cunhas altas cifras de participación.

Actualmente, as casetas están situadas nos seguintes lugares:

· Bribes (inmediacións do cruceiro)

· Brexo-Lema (inmediacións do cruceiro)

· Cecebre (á beira do monumento en homenaxe ao escritor Wenceslao Fernández Flórez)

· Pravio (na zona da unitaria de San Bartolomeu)

· Andeiro (na área do parque infantil)

· Santa María de Vigo (no parque infantil)

· O Temple (parque Manuel Lugrís)

· A Barcala (nas inmediacións do parque infantil)

· Sigrás (nas inmediacións do local social)

· Anceis (na contorna do local social)

· San Lourenzo (na zona do parque infantil e do local social)

O mecanismo desta proposta é sinxelo: os veciños e veciñas poden achegarse aos distintos lugares onde se localizan as casetas e retirar algunha das obras dispoñibles. A cambio, poderán depositar outra obra. Desta forma, garantirase a continuidade deste proxecto. Os lectores poderán gozar do libro nas proximidades do lugar ou, se o prefiren, levalo a casa para lelo.

Estes puntos contan con todo tipo de obras: desde libros para os nenos ata outros xuvenís e para adultos. A concelleira de Desenvolvemento Asociativo, Educación e Sanidade, María Carmen Pan Matos, que acode con frecuencia aos distintos puntos de intercambio, sinala “o bo funcionamento desta proposta, algo que se pode ver no movemento que hai nas casetas, isto é, na rotación de títulos e obras que se produce”.

Tamén che pode interesar