Cambre celebrará a segunda entrega do programa ‘Historias detrás dun cadro’ e exporá o traballo doutros seis pintores

12 Dec 2023

Cambre inaugurará o vindeiro mércores, 20 de decembro, a segunda exposición do programa Historias detrás dun cadro. A mostra poderá visitarse en Vila Concepción ata o 4 de xaneiro, e reunirá o traballo dos seguintes artistas: Carolina Moreno, María Pilar Meizoso, Verónica Grela, Purificación Sánchez, Juan Antonio Vázquez e Mercedes Berdullas.

Coma na primeira exposición, dispoñible na Casa da Cultura ata este xoves, 14 de decembro, esta nova entrega servirá para crear un espazo de convivencia no que se exhibirán obras de artistas de referencia e tamén de pintores e pintoras amateurs.

O concelleiro de Cultura, David Saborido, incide en que o obxectivo é “sumar novas propostas culturais para a veciñanza, e que Vila Concepción poida servirlles a estes artistas de escaparate para presentar as súas creacións”. O edil engade, ademais, unha terceira meta: “queremos que a cidadanía poida coñecer aos autores e autoras que se atopan detrás de cada cadro, algo que se conseguirá por medio de charlas”.

A inauguración será o propio 20 de decembro, ás 19.30 horas. A continuación, ás 20.00 horas, o Concello organizará unha charla cos autores e autoras. Nesta ocasión, Carolina Moreno será a artista principal da exposición.

Exposicións ata marzo

Historias detrás dun cadro arrancou a finais de novembro e prolongarase ata marzo de 2024, dando a coñecer o traballo creativo dunha trintena de pintores e pintoras.

A dinámica de cada mostra será idéntica. Na xornada inaugural, o público asistente poderá desfrutar, non só dos cadros, senón que tamén terá a posibilidade de coñecer aos artistas para saber que hai detrás de cada creación. En cada exposición haberá pezas feitas por profesionais e outras realizadas por artistas amateurs coma, por exemplo, as do alumnado das clases de pintura das actividades socioculturais do Concello e as da Asociación de Santa María do Temple.

Tamén che pode interesar