Os estilos parentais, a teoría do apego, estratexias de xestión emocional e manexo de conflitos, límites e normas, igualdade e o uso da tecnoloxía, todo iso orientado cara á infancia e a adolescencia. Esas son as liñas que o Concello traballa a través dos talleres do programa de inclusión Píllara. A iniciativa, que parte do departamento de Servizos Sociais, está centrada no apoio e a educación para familias usuarias dos servizos sociais comunitarios municipais. As sesións comezaron a principios de decembro e prolongaranse ata o vindeiro mércores, 19 de febreiro. Unha vez conclúa o ciclo de talleres, haberanse impartido un total de dez sesións, seis delas dedicadas ao período da infancia (ata os 12 anos) e as catro restantes dirixidas á adolescencia (de entre 12 e 18 anos).
Como explica a educadora social responsable do programa, Verónica Pérez, o obxectivo destes talleres é “crear unha rede de apoio para as familias, un espazo no que poidan sentirse cómodas como para intercambiar experiencias”.
Empregando unha metodoloxía participativa, dialóxica e vivencial, buscaranse cumprir os seguintes obxectivos: identificar os distintos estilos educativos e como estes impactan no desenvolvemento psicolóxico da infancia; entender que é o vínculo de apego e a súa importancia no benestar infantil; reforzar a importancia dos límites e o fomento da autonomía na educación familiar; promover valores da educación en igualdade e a corresponsabilidade nas familias; adquirir estratexias de xestión emocional e de manexo de conflitos; promover un uso adecuado da tecnoloxía entre os nenos e nenas e tamén entre os adolescentes e valorar a importancia do tempo de lecer en familia, descubríndolles ás persoas participantes os recursos que teñen á súa disposición.
Ademais das accións colectivas, co proxecto Píllara realízase unha valoración, atención e seguimento individualizados, mantendo coas familias usuarias “un acompañamento estreito coas familias para evitar que a súa situación de vulnerabilidade empeore”.
Resultados da anterior convocatoria
Na súa anterior convocatoria, desenvolta entre os anos 2021 e 2023, máis de medio centenar de familias gozaron das propostas ofrecidas polo programa, que incluíron talleres de economía doméstica, de competencias parentais ou de autoestima para mulleres. Do total de persoas atendidas, 43 foron mulleres e 11 homes, a maioría con idades entre os 25 e os 54 anos, e cunha alta porcentaxe de familias monomarentales (o 34%).
Como resultado, mellorouse a convivencia no seo das familias, promovéronse redes de apoio entre participantes, e facilitouse o acceso a formación, emprego e servizos de atención para distintas problemáticas, como a saúde mental.
O programa está subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade, e conta co cofinanciamento da Unión Europea, a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.