O evento celebrarase este domingo, 21 de agosto, no Parque da Igrexa.
Máis dunha vintena de asociacións instalarán as súas casetas na carpa habilitada e tamén haberá teatro e música tradicional.
O Concello de Cambre organiza este domingo, 21 de agosto, no Parque da Igrexa, a I Mostra do Movemento Asociativo, un evento co que pretende dar visibilidade ás asociacións do municipio, mostrando aos veciños e veciñas o traballo que levan a cabo desde estas entidades.
Esta primeira edición xorde a través dunha reunión promovida por algunha das asociacións, que buscaban unha fórmula para incentivar e revivir o movemento asociativo de Cambre, que se viu resentido pola pandemia en canto á participación veciñal refírese.
Desde o Concello recolleuse a luva e organizouse esta proba piloto, para dar visibilidade ao traballo das asociacións e mostrar aos veciños e veciñas do municipio o seu labor ao mesmo tempo que se presentan entre as propias entidades que compartirán espazo.
Así, unha vintena de asociacións instalarán as súas casetas nunha carpa habilitada no Parque da Igrexa, onde desde as 10 horas mostrarán o traballo que levan a cabo. Ademais, programáronse diferentes actuacións: ás 11 horas haberá un espectáculo de música tradicional, ás 17 horas Cambre Theatro Amador presenta dúas pezas de microteatro, ‘Sellit’ e ‘ And the oscar should go to’ e, por último, ás 17:30 horas haberá unha foliada a cargo de dous grupos tradicionais do municipio.
“Pretende ser un día de irmandade, un día de levar á rúa a presenza de parte do tecido asociativo”, explica a concelleira de Desenvolvemento Asociativo, Carmen Pan, que espera que “sexa un día ameno e distendido” e que “a Mostra poida medrar e manter vigorosa a base social que conforma as asociacións veciñais”.