O Concello abre unha consulta para coñecer directamente os intereses, necesidades e ideas da xente nova e incorporalos á planificación de futuras actividades e actuacións municipais
O Concello de Cambre pon en marcha este mes de setembro unha consulta dirixida á mocidade de ata 30 anos para coñecer directamente que actividades lle gustaría que se organizasen no municipio e que novas propostas considera de interese en ámbitos como o ocio, a cultura, o deporte ou as actividades xuvenís.
A primeira fase da consulta xa está aberta e pode cubrirse de maneira telemática a través do formulario habilitado polo Concello:
https://forms.gle/quqo2LGiCNSVaZ6VA
A iniciativa pretende incorporar progresivamente a perspectiva da xente nova á planificación municipal, facilitando que sexan os propios mozos e mozas os que trasladen as súas ideas antes de deseñar novas programacións.
Primeiro propoñer, despois priorizar
A consulta desenvolverase en dúas fases ao longo do mes de setembro. Nesta primeira fase, a mocidade poderá propoñer libremente as actividades que lle gustaría que organizase o Concello, sen partir dunha relación pechada de opcións que poida condicionar as respostas.
Na segunda quincena de setembro, as propostas recibidas serán analizadas e agrupadas para elaborar unha segunda enquisa de priorización. Nela poderanse escoller as actividades que esperten maior interese e coñecer tamén as preferencias da mocidade sobre cuestións como os horarios, a localización ou a frecuencia coa que deberían celebrarse.
Unha vez concluídas as dúas fases, o Concello analizará os resultados para coñecer as principais demandas da mocidade. A información obtida empregarase como ferramenta de apoio para preparar futuras programacións municipais e como referencia para valorar novas actuacións de cara aos próximos orzamentos, sempre en función da súa viabilidade, das competencias municipais e dos recursos dispoñibles.
