O final da tempada de colleitas, o comezo do inverno ou o inicio da metade máis escura do ano. Estas son, unicamente, algunhas das formas polas que se coñece ao Samaín, unha celebración que en Galicia está rodeada de tradicións. Estes ritos converteranse, precisamente, na temática central dunha das próximas actividades de Cambre. Da man do programa As noites do Museo, o arqueólogo, Tito Concheiro, impartirá unha charla sobre o Samaín o vindeiro xoves, 26 de outubro, ás 20.30 horas.
Baixo o título Vivos e mortos no mundo atlántico. O día dous defuntos na cultura popular galega, o experto falará sobre esta celebración dividindo a charla-coloquio en dúas partes. Por unha banda, explicará os rituais que se adoitaban facer nos países da Europa atlántica e, polo outro, Concheiro tratará o caso concreto de Galicia (orixe, evolución e tradicións).
O concelleiro de Turismo e Patrimonio, Ramón Boga, anima a todos os veciños e veciñas a participar nesta actividade, esencial “para entender a evolución desta celebración e para coñecer as nosas tradicións”.
A actividade terá lugar no Museo Arqueolóxico e o acceso será libre. As persoas que necesiten máis información poderán chamar ao teléfono 981 65 62 17 ou enviar un correo electrónico á dirección museo@cambre.org.