Cambre despide a V Open Science coa entrega de premios ás novas promesas da ciencia

19 Set 2022

Os máis novos volveron a ser os grandes protagonistas da Open Science de Cambre, que este ano sumou a súa quinta edición. A cita celebrouse ao longo da fin de semana e, como broche final do evento, fíxose entrega dos galardóns deste ano, cos que se premiou, entre outros, ás novas promesas da ciencia tanto a nivel autonómico como nacional.

A entrega correu a cargo do concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, do experto audiovisual, David Saborido, do humorista e actor, Xosé Touriñán, e da gaiteira cambresa, Susana Seivane. O edil felicitou, non só aos premiados, senón tamén a todas as persoas voluntarias que estiveron detrás da organización do evento: “detrás da organización hai outras preto de cincuenta persoas voluntarias sen cuxo traballo tería sido imposible realizar esta quinta edición”. O agradecemento de Mallo dirixiuse tamén a un dos impulsores da feira e profesor do IES David Buján, José Viñas, pola súa “capacidade para transmitir outros valores como a paixón, a curiosidade e as ganas de seguir aprendendo” ao seu alumnado. Por último, o concelleiro deu as grazas ao público asistente, así como aos patrocinadores e persoal municipal que traballou nesta quinta edición.

Durante o acto entregáronse unha vintena de premios, tres galardoes principais e un a cada obxectivo de desenvolvemento sostible que se inclúa nos diferentes traballos. Entre as categorías destacadas, atópanse as dos ámbitos “Saúde e benestar”; “Educación de calidade”; “Igualdade de xénero”; “Auga limpa e saneamento”; “Industria, innovación e infraestrutura”; “Redución das desigualdades”; “Cidades e comunidades sostibles”; “Produción e consumo responsable”; “Acción polo clima”; “Vida submarina”; “Ecosistemas terrestres” e “Alianzas para lograr os obxectivos”.

Tamén che pode interesar