O Concello de Cambre envía axuda ás persoas afectadas pola DANA na Comunidade Valenciana, dedicando unha serie de recursos materiais e persoais do municipio, en coordinación cos servizos de emerxencia despregados na zona.
Deste xeito, tres integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cambre desprazáronse o domingo 10 a Valencia, portando consigo diferentes ferramentas e aveños. Alí traballarán ao longo desta semana xunto a unha voluntaria do Servizo de Emerxencias do Grove, que se sumou ao dispositivo cambrés.
Na expedición viaxan persoas con experiencia en distintas áreas relevantes, como bombeiros ou técnicos de emerxencias sanitarias, que ademais do seu traballo achegarán un vehículo pick-up 4×4 multitarea, material de paleo, un equipo de excarceración, equipamento para corte mecánico e manual, e un tractel manual e un “winch” mecánico para tracción, así como diverso material médico, sanitario e produtos de limpeza e desinfección.
A alcaldesa de Cambre, María Pan, desexou o mellor na súa viaxe aos voluntarios de Protección Civil, aos que agradeceu “a súa gran disposición”, así como ao servizo de emerxencias municipal, que dispuxo da loxística. “Dende a súa chegada xa se atopan traballando sobre o terreo, sabemos que a nosa solidariedade chegará aos afectados a través dás súas mans”, destacou a rexedora.