Cambre inaugura as festas de Entroido coa descuberta do Choqueiro

17 Feb 2023

A descuberta do Choqueiro, un dos personaxes máis tradicionais do Entroido, supuxo o pistoletazo de saída para o Entroido en Cambre. A concelleira de Cultura, Mónica Varela, e a edil de Desenvolvemento Asociativo, María Carmen Pan Matos, foron as encargadas de dar a benvida a este período festivo, simbolizado a través da colocación deste boneco, que presidirá a Casa do Concello ata o domingo, 26 de febreiro.

Con este acto, o Concello busca rememorar unha tradición moi común nas parroquias de Cela ou Brexo Lema, entre outras. Os veciños e veciñas destes lugares adoitaban colocar este tipo de figuras na entrada dos seus domicilios, recibindo así o período de Entroido. O Choqueiro (tamén coñecido como Meco) é un personaxe vinculado ás desviacións morais e ao que se lle atribuían cualificativos como os de lacazán ou lambón. De feito, coñéceselle pola súa debilidade pola comida ou polo diñeiro.

Transcorrido o Entroido, e tal e como reza a tradición, o Choqueiro abandonará o seu lugar privilexiado na Casa do Concello e daráselle eterna sepultura.

Festas infantís
Como parte da programación do Entroido en Cambre, o Concello levará a cabo dúas festas infantís dirixidas a público familiar e, especialmente, aos máis pequenos e pequenas. As citas serán o luns, 20 de febreiro, e o martes, día 21. A primeira celebrarase no pavillón do Graxal o luns, entre as 17.00 e as 20.00 horas, mentres que a segunda terá lugar o martes, no mesmo horario, no pavillón Sofía Toro. Os eventos incluirán zona de xogos e inchables, área para bebés de 0 a 3 anos e chocolate para o público asistente.

Concurso de disfraces, carrozas e comparsas
O Concello pechará o luns, 20 de febreiro, o prazo de inscrición para apuntarse ao concurso de disfraces, carrozas e comparsas do Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo. O certame repartirá máis de 2.000 euros en premios entre as diferentes categorías.

As persoas interesadas en participar poderán anotarse mediante a presentación da solicitude nos Rexistros de Cambre (pedindo, para iso, cita previa) ou a través da sede electrónica.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.