Cambre inicia a ampliación do Complexo Deportivo da Barcala coa vista posta na licitación da nova concesionaria

17 Mar 2023

O Concello iniciou, esta semana, as obras de ampliación do Complexo Deportivo da Barcala. O proxecto, adxudicado por 271.579 euros (IVE incluído), supoñerá a construción dunha sala diáfana de 100 m2. Así, as intervencións resultarán na creación dunha estancia no semisoto, onde se atopa, actualmente, o patio-xardín. Como avanza o concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, a execución destes traballos realízase coa vista posta na licitación “da nova concesión do complexo”. A previsión é que o aumento de espazo útil da dependencia “sirva como aliciente para que as empresas presenten as súas ofertas, ofrezan máis e mellores actividades á veciñanza e, polo tanto, se poida garantir un servizo de calidade para os usuarios e usuarias, que é a nosa prioridade”.

As actuacións previstas non afectarán á distribución actual do edificio, xa que se expón a execución dun volume totalmente independente. Esta nova sección dispoñerá de acceso desde as escaleiras e o ascensor, que xa chegan ao semisoto e permiten a entrada ao ximnasio. A conexión con esta zona adicional realizarase a través dun corredor que estará situado na esquina do ximnasio. Este corredor conectará o desembarco das escaleiras e o ascensor co patio, sen necesidade de pasar polo ximnasio.

Trátase dunhas actuacións que o concelleiro de Deportes cualifica de “fundamentais” e que posibilitarán a organización dun maior número de actividades deportivas para os usuarios e usuarias desta dependencia.

O Concello xa sacara o proxecto a contratación por 187.187 euros, pero a licitación quedou deserta pola subida xeneralizada de prezos, obrigando a aumentar o orzamento de execución por contrata ata os 274.322,69 euros.

Nova concesión

Os pregos da nova concesión están en fase de tramitación coa previsión de que poidan saír a licitación o máis axiña posible. O edil de Deportes sinala que se trata “dunha prioridade para este goberno coa que daremos resposta ás demandas dos usuarios e usuarias desta instalación” e apunta que a mellora máis importante “será a relacionada cos horarios de apertura”. As melloras neste sentido supoñerán suprimir as horas de peche ao mediodía e a ampliación do horario os sábados e domingos, incrementando así as horas de uso por parte dos usuarios e usuarias de forma considerable.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.