O Concello continúa coa súa aposta pola conciliación familiar e oferta catro quendas para os campamentos urbanos do período estival con máis de medio milleiro de prazas. Este programa de conciliación levarase a cabo durante os meses de xullo e agosto dando ás familias a posibilidade de optar, non só ás propias actividades, senón tamén a outros servizos complementarios. A edil de Desenvolvemento Asociativo, Educación e Sanidade, María Carmen Pan Matos, reafirma a aposta do goberno local por seguir ofrecendo alternativas de conciliación como os campamentos, que se converten “nunha medida esencial para as familias do municipio durante as épocas nas que os nenos e nenas non teñen clase”.
As actividades realizaranse no CEIP Wenceslao Fernández Flórez entre o 1 de xullo e o 30 de agosto, e estarán dirixidas a nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de educación Infantil, de toda Primaria e de 1º da ESO.
En total, o Concello ofertará 504 prazas entre as catro quendas. O número mínimo de prazas para que se poñan en marcha e que se van ofertar é de 20 por quenda e o máximo é de 126. A 1ª quenda celebrarase do 1 ao 12 de xullo, o 2ª do 15 ao 31 de xullo (excepto o 25, que é festivo), o 3ª do 1 ao 14 de agosto e, a última, do 19 ao 30 de agosto.
Se hai suficientes solicitudes, o Concello ofrecerá os seguintes servizos de atención aos participantes: Mañanceiro, xantar, comida e transporte. Desta forma, os usuarios e usuarias poderían estar no recinto desde as 7.30 ata as 16.30 horas. Durante os campamentos, os pequenos e pequenas realizarán actividades lúdico-deportivas e culturais, todas elas relacionadas co verán.
O prazo de solicitude estará aberto desde o luns, 13 de maio, ata o 23 de maio (ambos os incluídos). A inscrición poderá realizarse por vía telemática a través da sede electrónica ou en calquera dos rexistros de entrada.
Os cambreses e cambresas que necesiten máis información poderán contactar co departamento de Educación chamando ao 981 61 32 91 ou enviando un correo a educacion@cambre.org.