Sistemas microinformáticos, soldadura e operacións de fontanería e calefacción serán os temas centrais dos próximos programas que o Concello ofertará dentro do seu Plan Formativo para o Emprego 2024-2025. Trátase de formacións cunha alta demanda no mercado laboral e coas que o alumnado obterá un certificado de profesionalidade, podendo gozar, ademais, de prácticas en empresas.
Por unha banda, o Concello celebrará un curso de Soldadura por arco baixo gas protector con eléctrodo non consumible, soldeo ‘TIG’ (FMEC0219), con 568 horas lectivas. Ao longo do mesmo abordaranse cuestións como a realización de operacións previas e posteriores ao soldeo con eléctrodo e a execución de labores de soldeo por arco con eléctrodo revestido. As sesións terán lugar no Centro Municipal de Formación do Espírito Santo e empezarán no mes de marzo (en horario de 8.30 a 14.30 horas).
Pola outra, no programa de Sistemas microinformáticos (IFCT0209), as persoas rexistradas poderán gozar de 618 horas coas que aprenderán a instalar e configurar sistemas operativos, a implantar elementos da rede local e a configurar aplicacións informáticas, entre outras cuestións. Trátase dun programa que podería servir de complemento para perfís administrativos e tamén técnicos. Neste caso, as clases darían comezo este mes, desenvolvéndose de 9.00 a 14.00 horas no Centro Municipal de Formación.
Por último, o Concello levará a cabo unha terceira formación de Operacións de fontanería e calefacción – climatización doméstica (IMAI0108) de 558 horas. A execución de instalacións de tubaxe e de operacións básicas de instalación e mantemento de aparellos sanitarios, de climatización e/o radiadores serán algúns dos contidos que se abordarán durante as clases. Estas serán tamén no Centro Municipal de Formación, arrincando en marzo e levándose a cabo de 9.00 a 14.00 horas.
Nos tres casos, o alumnado que conclúa o programa poderá realizar prácticas en empresas e beneficiarse de axudas económicas de asistencia. A maiores, obterán un certificado de profesionalidade: de nivel 2 nos de Soldadura e Sistemas microinformáticos e de nivel 1 no de Fontanería.
Inscricións
O título de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou equivalente será indispensable para anotarse nos cursos de Soldadura e Sistemas microinformáticos, mentres que no de Fontanería non se require titulación mínima. Terán preferencia aquelas persoas que se atopen en situación de desemprego e que estean rexistradas nas Oficinas de Emprego. As inscricións poderán tramitarse a través do teléfono 981 61 31 96 ou enviando un correo a adl@cambre.org.
Os tres cursos contan co financiamento de a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.