Cambre permitirá a realización de fogueiras e sardiñadas de San Xoán en espazos públicos

9 Xuñ 2022

Os veciños deberán solicitar autorización municipal antes das 13.00 horas do 22 de xuño.

A hora límite para rematar a celebración será ás 3.30 horas.

Cambre permitirá a realización de fogueiras e sardiñadas de San Xoán en espazos públicos na noite do 23 ao 24 de xuño. Os veciños e veciñas interesados deberán comunicarllo ao Concello antes das 13.00 horas do 22 de xuño.

Esta solicitude poderá realizarse tanto de forma presencial nos rexistros de entrada de Cambre, como de forma telemática a través do formulario da páxina web www.cambre.es. Presencialmente, poderá tramitarse nestas datas e localizacións:

  • Concello de Cambre: os días 13, 15, 17, 20 e 22 de xuño de 10.00 a 13.00 horas.
  • Servizos Múltiples (antigo centro médico) os días 14 e 21 de xuño de 9.00 a 10.30 horas.

Deberá indicarse o lugar de emprazamento da fogata e o DNI da persoa responsable, que terá que ser maior de idade.

Queda prohibida a realización de fogueiras nas beirarrúas, nas prazas e en superficies que poidan quedar danadas polo lume ou a cinza, con excepción daqueles puntos autorizados polo Servizo Municipal de Emerxencias de Cambre.

As persoas responsables deberán limpar un radio de cinco metros ao redor da fogueira. Como norma xeral, estas non deberán superar os 2,5 metros de altura, non poderán estar situadas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos nin tampouco poderán estar nas inmediacións dun local no que se almacenen produtos inflamables. Así mesmo, deberase garantir unha distancia mínima de 15 metros con respecto a contedores, vehículos, vivendas, farois, etc.

Está prohibido o uso de combustibles e acelerantes, así como a queima de pneumáticos, plásticos, escuma de poliuretano e outras substancias que desprendan fume tóxico. Os responsables deberán contar con extintor ou con medios adecuados e terán que atender, ademais, ás esixencias dos servizos de emerxencias e seguridade.

A hora límite para rematar a celebración será ás 3.30 horas. Ao terminar, os responsables deberán asegurarse de que os restos estean totalmente apagados, debendo limpar o espazo autorizado antes de 24 horas. En caso contrario, deberán asumir o custo da limpeza.

Bando San Xoán 2022 Concello de Cambre

Tamén che pode interesar