O Concello de Cambre, a través do seu departamento de Servizos Sociais, vai poñer en marcha desde este mes de novembro un taller de empoderamento dirixido ás mulleres xitanas do municipio.
Esta iniciativa, que arrinca hoxe venres 8, busca ofrecer un espazo no que poder coñecerse, crear redes de contacto e colaboración, e servir de ponte ao programa municipal Amarí, co que o Concello busca promover a inclusión social das familias xitanas de Cambre.
Os obxectivos principais desta proposta son:
• Promover a súa participación nos espazos de toma de decisións, tanto a nivel comunitario como na sociedade en xeral, fortalecendo a súa voz e o seu liderado.
• Recoñecer e por en valor a identidade cultural xitana, promovendo un equilibrio entre a preservación das tradicións e o respecto polos dereitos das mulleres, animando a desafiar prácticas opresivas.
• Romper estereotipos machistas, racistas e clasistas asociados ás mulleres xitanas, outorgándolles visibilidade en espazos públicos.
• Facilitar espazos seguros nos que compartir experiencias, adquirir coñecementos e apoiarse mutuamente, creando lazos de solidariedade e sororidade.
• Educar sobre os seus dereitos e proporcionar ferramentas para poder exercelos, fortalecendo a súa autoestima e a súa capacidade para tomar decisións libres e informadas.
Para aquelas mulleres que desexen recibir máis información sobre este taller, poden contactar co departamento de Servizos Sociais de Cambre, chamando ao 881 92 39 56.